- Elena Amores: “Estou segura de que podo seguir crecendo”.
- Tras demostrar que está sobradamente capacitada para competir na elite, buscará elevar aínda máis o seu nivel neste segundo curso.
Cando o Mecalia Atlético Guardés incorporou a Elena Amores o pasado verán procedente do Elda Prestigio da segunda categoría, a idea era asinar unha xogadora de futuro con varios anos de voo na Sangriña. E todo transcorre segundo o plan. Porque despois dunha prometedora estrea na liga Guerreras Iberdrola, a moza extrema de Petrer asina a súa renovación para afrontar a segunda tempada. A da confirmación.
Elena Amores cumpriu un primeiro ano na elite máis que satisfactorio. En crecemento continuo desde a súa chegada, terminou a tempada a gran nivel. É máis, non quedou outra que acelerar os procesos debido ao infortunio da lesión de Ángela Nieto, que obrigou á internacional júnior (e convocada no seu momento para uns adestramentos coa absoluta) a acumular unha gran cantidade de minutos no extremo esquerdo.
O seu extraordinario tren inferior permítelle voar desde a esquina e ofrecer gran intensidade defensiva. Pero, sobre todo, permítelle correr o contraataque unha e outra vez. É por iso que encaixa como anel ao dedo no modelo de Cristina Cabeza. A capacidade de mellorar ás mozas da adestradora madrileña é outra nota positiva nunha evolución que non parece ter teito para a moza xogadora alacantina, que seguirá voando na Sangriña.
Elena Amores: “Estou segura de que podo seguir crecendo como xogadora”
A moza extrema de Petrer aspira a consolidar a súa enorme calidade na liga Guerreras Iberdrola tras unha tempada de debut máis que esperanzadora. “Estou moi contenta de que conten comigo un ano máis. Dou as grazas por esta oportunidade”, subliña a internacional júnior, que quere ir a máis o ano que vén.
“Estou segura de que podo seguir crecendo como xogadora, que é a mellor maneira de axudar tamén a crecer ao equipo. Imos tentar loitar por todo”, finalizaba Elena Amores.