- A investigación de Cintia Folgueira, realizada no CNIC, aporta luz sobre por que nuns casos cando realizamos exercicio físico unhas persoas teñen ganas de facer máis e outras non perciben ese estímulo
Un grupo de investigadoras do Centro Nacional de Investigacións Cardiovasculares (CNIC), coa galega Cintia Folgueira (Lugo) entre elas, descubriu que existe unha base biolóxica que regula a predisposición dos individuos á práctica de exercicio físico. Polo tanto, máis aló da motivación anímica, que tamén conta, semella que hai unha reacción química que nos reforza a ansia de exercitarnos ou non.
O estudo, que se realizou de maneira conxunta co Centro Nacional de Investigacións Oncolóxicas (CNIO), vincula a supresión dunha das proteínas da familia p38, a tipo Alfa ou a tipo Gamma, coas ganas de facer actividade física.

A pescuda, que se elaborou con ratos, comprobaba que a eliminación dunha destas proteínas, propiciaba que os animais tivesen un maior afán por facer exercicio, o que traía como consecuencia unha diminución apreciable do seu peso corporal.
En palabras da propia Cintia Folgueira, actualmente investigadora Miguel Servet, pertencente ao Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS): “No laboratorio estabamos buscando algo que estivera controlando as ganas de realizar exercicio físico. Moitas veces, para mellorar a obesidade, o que nos recomendan é seguir unha dieta equilibrada acompañada de actividade física, pero na maioría de casos non é a persoa que padece este problema non queira remedialo, é que non pode, non lle apetece, non ten esa motivación e sinte ese desazo por arrancar a facer exercicio”.
Unha investigación de Cintia Folgueira, Guadalupe Sabio e Leticia Herrera
A investigación, na que participaron outras dúas científicas, Guadalupe Sabio, líder do grupo, e Leticia Herrera, demostra que existe unha cuestión biolóxica que provoca que as persoas sexan ou non propensas a sentir esa necesidade de activación física.

Cando preguntamos a Cintia Folgueira sobre esta cuestión, indícanos que “Sobre todo o cerebro tamén vai a controlar esa motivación, por iso moitas veces cando a xente se apunta ao ximnasio ou a facer algún deporte sinte esa preguiza, pero logo, cando comeza esa rutina, parece que lle aumentan as ganas de facer máis exercicio, como que a ao final adoitas esa costume, pero o que costa moitas veces é empezar”.
“No estudo tamén comprobamos que o cerebro e o noso corpo están totalmente conectados, e dicir, o cerebro integra moitas sinais dos diferentes tecidos e órganos, e o que vimos é que, precisamente eses cambios pequenos no músculo, relacionados coa activación ou desactivación das p38, son suficientes para que no cerebro, nunha zona moi concreta que é a corteza que controla o movemento, o córtex motor, provocan esa motivación para facer máis exercicio de maneira voluntaria, sen que sexa necesaria unha motivación externa. En definitiva, o noso cerebro ten un papel importante na vontade que teñamos desempeñar unha actividade física”.
Cintia Folgueira: “o noso cerebro ten un papel importante na vontade que teñamos desempeñar unha actividade física”
A investigación demostra que existen evidencias para poder afirmar que o que motiva a unha persoa a facer exercicio non é só un tema de ánimo ou de desexo, senón tamén unha cuestión química.
Os datos do estudo, recompilados non só con ratos, senón tamén con mostras de voluntarios sometidos a actividade física, revelan que ademais desa relación entre músculo e cerebro, existe outro intermediario, a Interleucina 15, outra proteína que tamén ten efectos sobre o córtex motor e intervén na predisposición a activarse.

“En mostras de pacientes con obesidade, vemos que esa Interleucina 15 está diminuída no sangue. Existen aspectos relacionados coa química como pode ser esta proteína que pode verse diminuída e ser unha causa de que moitas veces aos pacientes con obesidade lles coste mais empezar de maneira voluntaria co deporte. Este estudo abre un pouco esa porta a intentar que esas persoas poidan buscar ferramentas para incrementar estas proteínas e ter o ánimo de realizar unha rutina de adestramento”, explica Folgueira.
Cintia Folgueira: “En pacientes con obesidade, vemos que esa Interleucina 15 está diminuída no sangue. Existen aspectos relacionados coa química como pode ser esta proteína que pode verse diminuída e ser unha causa de que moitas veces aos pacientes con obesidade lles coste mais empezar de maneira voluntaria co deporte”.
“Segundo o que observamos no estudo, poderíamos afirmar que existe unha proteína que xera ganas de facer deporte e é a Interleucina 15, pero como todo, ao final é algo que vai a depender de moitos factores”. Apunta Cintia Folgueira en declaracións realizadas ás Nosas.
Un fármaco podería darnos gana de facer exercicio?
Á pregunta de si se podería contemplar o desenvolvemento de algún tipo de fármaco a partir dos novos coñecementos achados na investigación “sería unha boa opción, pero sobre todo o que pensamos é de que maneira estimular estas proteínas no noso corpo de maneira natural a partir da práctica de exercicio”, explica Cintia Folgueira.
Segundo a científica galega: “Non é o mesmo poñerte a correr que practicar crossfit ou adestramentos con pesas. Cada quen ten que saber que tipo de exercicio a pode motivar e desta maneira aumentar estas proteínas e, como consecuencia, as ganas de facer actividade física. Tamén é unha maneira de axudar aos adestradores e adestradoras a deseñar mellor os plans de cada persoa. Poderíase pensar nun futuro en algún fármaco derivado destas propias proteínas: as Interleucina 15, para motivar e que isto poida repercutir na saúde de quen o precise”.
Cintia Folgueira, que xa destacou no campo da endocrinoloxía e da investigación da obesidade, traballa na actualidade nun tema directamente relacionado cos anteriores “sobre todo estudando como diferentes tecidos e órganos están comunicados entre si e mandan sinais químicas que conseguen controlar a obesidade ou a diabetes”.
Cintia Folgueira: “É importante estudar o corpo en conxunto e non de maneira illada, ver como un tecido pode ter consecuencias sobre outro, lograr entender o noso corpo como un sistema de comunicación entre músculo, grasa, cerebro… Intentamos comprobar de que maneira se integra todo isto e de como podemos controlalo”
Sinala a científica do IDIS: “É importante estudar o corpo en conxunto e non de maneira illada, ver como un tecido pode ter consecuencias sobre outro, lograr entender o noso corpo como un sistema de comunicación entre músculo, grasa, cerebro… Intentamos comprobar de que maneira se integra todo isto e de como podemos controlalo. Observar que cambios e fallos existen neses tecidos e órganos e como poden afectar ao control das ganas de facer exercicio ou de que maneira interfiren na activación da grasa parda para xerar calor. No caso da diabetes, intentamos comprobar como interveñen los niveles de glicosa en sangue”.

















