Chegou o día. Este xoves, 23 de setembro, o Durán Maquinaria Ensino debutará na EuroCup xogando ante o Magnolia Campobasso italiano. En palabras do presidente do club lucense, Manuel Durán, este partido será “algo diferente e ilusionante. É un reto”. O duelo será ás 20:00 horas na Pala Selvapiana.
O directivo subliña como o “club está facendo un gran esforzo para levar o nome de Lugo e Galicia por Europa”. Este será o seu primeiro duelo na competición europea, na que aspiran a entrar na fase de grupos.
Plantel tocado
O Ensino iniciou a pretempada no pasado mes de agosto, pero algúns contratempos están a dificultar a posta a punto do equipo . “Tivemos mala sorte coas lesións e xogamos moitos partidos de pretempada con seis ou sete xogadoras profesionais e a verdade é que imos un pouco mermados”, admite o presidente.
Tamara Abalde, internacional coa Selección nos Xogos Olímpicos, non viaxou co conxunto galego, e Helena Oma, outra xogadora habitual na Selección 3×3, estará co equipo, pero entre algodóns. “Imos un pouco faltos de preparación todas xuntas. As que adestraron o fixeron moi ben, pero tivemos moitas lesións. Non é unha desculpa pero é un feito. Viuse na Copa, que xogaron dúas das xogadoras importantes e viuse que estaban moi cansadas. As que adestraron o fixeron moito, e ben, pero non adestraron todas xuntas”, apunta Durán.
Nesta liña, o adestrador, Miguel Ángel Ortega coincidiu en rolda de prensa en destacar as dificultades que afronta o plantel, pero salientando a exemplar actitude de todo o equipo.
Miguel Ángel Ortega: “A actitude a temos e o que queda é intentar ser mellor e xogar mellor”
Manuel Durán, pola súa parte, resume a situación de maneira clara: “Imos desfrutar e se quedamos na previa é unha experiencia máis. E se conseguimos pasar será un éxito”.
Un rival non tan descoñecido
Enfronte das galegas estará o italiano Magnolia Campobasso, un equipo que para esta nova campaña está facendo unha forte aposta polo seu plantel, pero que tamén estrea competición europea no seu reencontro coa súa afección.
A arma non tan segreda do Ensino será Cata Pollini, a ex xogadora italiana con máis presenzas na azzurra, e toda unha institución do baloncesto italiano. Agora, como parte do corpo técnico lucense, a italiana será unha das claves para analizar ao rival europeo.
Manuel Durán: “Quizais somos o equipo de España mellor preparado para xogar cun equipo italiano”.
Na pista, a presenza italiana no bando galego estará representada por Alessandra Orsili, “unha das promesas da Selección Italiana e seguro que vai ser a base titular da Selección absoluta pronto”, en palabras de Durán. Con estas dous italianas, o presidente considera que “quizais somos o equipo de España mellor preparado para xogar cun equipo italiano”.
En terras italianas, o Campobasso, en palabras do seu adestrador Mimmo Sabatelli, define ás galegas como un rival “verdaderamente temible”, e prevén unha competición “sen dúbida complicada”.
Vive aquí o partido entre o Campobasso e o Ensino en directo.
Volta en Lugo
Unha semana despois, o 30 de setembro, terá lugar o partido de volta no Pazo de Lugo. “Esperamos que non nos xoguemos todo aquí e poidamos traer un bo resultado”, adianta Manuel Durán. Porén, mirando xa á cita en terras lucenses, o presidente asegura que “imos intentar meter ao máximo público posible, para que nos axuden”.
Manuel Durán: “Imos intentar meter ao máximo público posible (no Pazo), para que nos axuden”.
Desde Campobasso, o técnico Sabatelli ve esta eliminatoria como un partido de 80 minutos, dándolle importancia ao partido de volta, pero subliñando que “el éxito de esta competición poderá encamiñarse con forza na inercia boa ou mala do enfrontamento. Por experiencia, historia e por outros tantos motivos, o rol de favoritas é seu (polo Ensino)”.
Sen tempo para o descanso
Antes do partido de volta, pero despois de xogar a primeira parte da eliminatoria, as xogadoras do equipo galego regresarán a España pero non directamente a Galicia. A primeira xornada da LF Endesa terá lugar esta mesma fin de semana, e o Ensino deberá xogar ante o Embutidos Pajariel Bembibre a estrea ligueira. O duelo será o 26 de setembro ás 18:30 horas.
Unha semana movida para as galegas que, se todo vai ben, deberán acostumarse a este ritmo. “Se pasamos de fase, sobre todo ata Nadal, vai ser moi movido porque teremos dous partidos por semana”, explica Manuel Durán.