A xogadora arxentina Julia Paz Dupuy Dal Mas non seguirá escribindo a súa historia no plantel conserveiro.
A porteña actuou este ano de peche no Poio Pescamar. Con todo, Julia Dupuy conta con moita versatilidade de posición. Segundo fixo público o Poio Pescamar, a deportista “conclúe unha etapa de tres anos no club, sendo unha das máis veteranas xunto a Luci e Agostina, só superadas por Irene e Dani Sousa”.
Ós seus 23 anos, a internacional coa albiceleste deixa no palmarés do club a Copa Galicia 2022, así como outros fitos históricos dos que formou parte, como as finais de Copa da Raíña en decembro de 2020 e a posterior Supercopa de España en xaneiro de 2021.
Nesta última campaña, Julia Dupuy foi unha das artífices da fantástica campaña do conxunto vermello neste pasado curso 2022-23 no que o Poio Pescamar accedía por vez primeira na súa historia á disputa do play-off polo título de Liga na Primera División do FutSalFem da RFEF.
“Moita sorte Julia, Poio é un pouco máis internacional grazas a ti!”, apuntan desde o Poio Pescamar.