- A Coruña volverá a vivir este domingo unha multitudinaria proba da Carreira da Muller.
- A organización do evento, coa que colabora o Concello, acaba de confirmar que xa están esgotados os dorsais; polo tanto, máis de 5.000 mulleres participarán na proba.
A Carreira da Muller comezará ás 10.00 horas na explanada do Palacio dos Deportes de Riazor, onde tamén se situará a meta, e contará cun percorrido de 6 quilómetros; ao remate, haberá unha sesión de adestramento aeróbico, tamén en Riazor. Para aquelas persoas que non puideran conseguir o seu dorsal, a proba poderá disputarse de maneira virtual. Ademais, aínda se pode colaborar co dorsal solidario a favor de ACADAR (Asociación de Mulleres con Discapacidade de Galicia).
A alcaldesa do Concello da Coruña, Inés Rey, amosouse moi satisfeita da resposta da cidadanía ante esta nova edición da Carreira da Muller. “É unha honra que A Coruña volva, un ano máis, a esgotar os dorsais para participar nesta proba. A nosa é unha cidade comprometida e unha cidade chea de mulleres valentes”, sinalou a rexedora.
Homenaxes a Rosa María García e Eugenia Gil na Carreira da Muller
Antes da saída celebrarase unha homenaxe á adestradora de patinaxe Rosa María García, do club Maxia, e á árbitra e atleta Eugenia Gil Soriano polas súas traxectorias profesionais. Todas as mulleres participantes lucirán o dorsal 016, número de teléfono de atención ás vítimas de violencia machista.
Os obxectivos desta proba son incorporar as mulleres de todas as idades á práctica habitual do deporte, loitar contra o cancro e concienciar sobre a súa prevención, promover hábitos de vida saudables e combater a violencia de xénero e as desigualdades entre homes e mulleres.
A organización realizará unha doazón ao final do circuíto de 75.000 euros á Asociación Española Contra el Cáncer, aumentando a cifra achegada no 2021.
Tamén se continuará apoiando a tres fundacións centradas na protección da muller: Wanawake Mujer, Fundación GEICAM e Clara Campoamor.