A Copa Galicia do Porvir 2026 rexistrou un cambio de líder na súa terceira xornada celebrada en Carballo. Héctor Rodríguez (Cambre) recuperou o primeiro posto na táboa cadete masculina logo de vencer o pasado sábado no Trofeo Concello de Carballo. Esta tradicional cita no calendario autonómico de estrada tamén repartiu puntos nas categorías femininas de cadete e júnior. Leire García colleitou en cadetes o seu terceiro triunfo esta tempada e Elba Hermida mantense como líder da categoría xuvenil.

As tres probas do certame autonómico celebradas en Carballo compartiron cartel coas competicións de escolas. En total, 167 ciclistas participaron no evento organizado polo Club Ciclista Carballo. O percorrido da Copa Galicia consistía para as cadetes en dar dúas voltas a un circuíto de case 15 quilómetros e a ese itinerario engadíase para os cadetes e as júnior un terceiro xiro máis longo, duns 20 km, que incluía o ascenso ao porto de montaña da Pifaina, segundo informa a Federación Ciclismo Galego.
Hugo Rodríguez (Teis) chegaba a Carballo como líder cadete despois das carreiras de Boiro e Rois. O corredor que comandaba a xeral estivo no grupo de seis corredores que puxo terra de por medio respecto ao pelotón, pero no esprint polo triunfo non se meteu no podio e cedeu a primeira praza na Copa. A súa punta de velocidade impúxoa Héctor Rodriguez, gañador na apertura do certame e que volve a estar no máis alto do ranking.
Mateo Hermida (B Travel – Ponteareas) e Guillermo García (Cambre) fixeron segundo e terceiro, respectivamente. Hugo Rodríguez entrou cuarto e a quinta praza en Carballo ocupouna Xián Acuña (B Travel – Ponteareas) por diante de Mario Migúelez (Cambre).
A mesma distancia de 51,3 quilómetros completouna a júnior Ivet Dimitrova (HyD-Salamanca). A vencedora xuvenil en solitario estivo escoltada no caixón por Tania Rodríguez, que foi segunda, e Lucía González, que rematou a proba na terceira posición, ambas son ciclistas do CC Teis. A xeral xuvenil non sofre cambios e continúa primeira Elba Hermida (B Travel – Ponteareas).
O 3.ª triunfo de Leire García chegou en Carballo
Outra ciclista da formación ponteareá lidera nas cadetes e ademais está invicta. Leire García colleitou en Carballo a súa terceira vitoria desta campaña na Copa Galicia do Porvir. A súa compañeira de equipo Mariela Pérez rubricou o ‘dobrete’ do B Travel – Ponteareas e Antía Torres (Teis) rematou terceira.
Para estas tres categorías o certame autonómico celebrará a súa cuarta e última proba o 27 de xuño na Laracha.
En canto ás escolas, en Carballo subiron ao máis alto do podio Elisa Vázquez (O Rosal) e Enzo Suárez (Velo Star) en Promesa, Jimena Paleo (Viveiro) e Eduardo Baleirón (Barbanza) en Principiante, Lucía González (O Rosal) e Bruno Álvarez (Viveiro) en Alevín, e Estela Yáñez (Betanzos) e Breixo Rodríguez (Clementina) en Infantil.





















