Disputadísimo partido o protagonizado polo Ourense Envialia e o STV Roldán que rematou con vitoria das visitantes que desfacían as táboas no último suspiro do encontro nos Remedios.
No arranque do choque o Ourense Envialia que adestra Mondo manexaba o tempo do xogo, pero pouco a pouco o STV Roldán foise atopando cómodo sobre a pista dos Remedios. Tanto que foron as pachequeras as que se adiantaron no marcador cun gol de Mayte Mateo (0-1).
Ese gol desequilibrou ás galegas que buscaron a reacción pero con pouca cabeza e erros. Antes de chegar ao descanso Jenny Lores, a pase de Chiky, acadaba o empate (1-1) e partido quedaba aberto para o seu segundo acto.
Na segunda metade o Ourense Envialia amosouse máis tranquilo e controlou o xogo até que as murcianas volvían a anotar e rompían novamente os esquemas ás galegas. O gol do 1-2 que puña por diante outra vez ao STV Roldán anotábao Alba Gandía a pase de Andrea Marín nun contragolpe.
Esta vez o conxunto que adestra Mondo recompúxose e devolveu o golpe. Un minuto tardaron as galegas en devolver as táboas ao marcador (2-2), por medio de Candela.
O STV Roldán aposta polo xogo de cinco e gaña
Con dous minutos de xogo por diante os puntos irían para o bando que menos erros cometese. O STV Roldán fixo unha aposta forte por gañar optando polo xogo de cinco e arriscándose a perder o punto que podían levar dos Remedios. A xogada saiulles ben ás de Murcia que a segundos do final anotaban o 2-3 por medio, novamente, de Alba Gandía.
Non había xa tempo para que o Ourense Envialia reaccionase e os puntos voaron dos Remedios.
FICHA TÉCNICA
2) OURENSE ENVIALIA: Vane Barberá; Marta, Clara, María Arias e Candela – quinteto inicial -. Tamén xogaron: Judith, Vero, Jenny Lores, Chiky e María.
3) STV ROLDAN: Cristina; Mayte, Consuelo, Andrea e Álba Gandía. – quinteto inicial -. Tamén xogaron: Carmen, Marian e Noelia Montoro.
GOLES: 0-1, min. 8 Mayte Mateo. 1-1, min. 19 Jenny Lores. 1-2, min. 37 Alba Gandía. 2-2, min. 38 Candela. 2-3, min. 40 Alba Gandía
EQUIPO ARBITRAL: Arbitraxe a cargo de Iria de Luis Iglesia e Javier Menéndez Nistal. Recibiron cartón amarelo Consuelo, Marian, Andrea e o adestrador Peñaranda no STV Roldán.
INCIDENCIAS: Partido disputado no pavillón dos Remedios de Ourense correspondente á Primeira División da RFEF.