O Viaxes Amarelle FSF viaxaba á cancha dun dos rivais máis en forma de toda a Primera Federación Futsal Feminina, o Melilla Sport Capital Torreblanca FSF, e facíao coa intención de poñer difícil a tarefa do equipo melillense.
As herculinas facían unha boa primeira parte, e a pesar de irse cun 2-1 no marcador, gozaran de ocasións para un pouco máis; xa na segunda parte, o conxunto melillense callou dous minutos de escándalo conseguindo anotar 3 goles e poñer o 5-1 no marcador.
A pesar de todo, as galegas non deron nunca o partido por perdido. Conseguiron meterse nos últimos minutos no partido co 5-3. De feito, o equipo que adestra Jorge Basanta tivo oportunidades para seguir recortando.
⚫️⚪️ I Crónica I @MSC__Oficial Torreblanca CF 5 – 3 @amarellefsf
🔥 Quinta victoria consecutiva para las Guerreras en un partido loco
⚽️ Una segunda mitad donde se ha visto lo mejor y lo peor del equipo melillense
🔗https://t.co/WdpoHmHD2m pic.twitter.com/YcX0xABdI6
— MSCTorreblancaFS (@TorreblancaFS1) April 15, 2023
O gol segue sendo a tarefa pendente das herculinas, que se deixan os puntos en Melilla, aínda que cun meritorio partido, ante un rival que vén de gañar nas últimas xornadas ao primeiro (Futsi Atlético Navalcarnero) e terceiro clasificado (Pescados Rubén Burela FS).
O partido empezaba cun Viaxes Amarelle FSF esperando en media cancha o ataque do cadro melillense, e poder roubar en media liña para xerar perigo á contra; e ceder a posesión do balón ás locais, centrándose as laranxas máis en labores defensivos.
Os primeiros minutos corrían no marcador sen demasiado perigo para ningún dos dous conxuntos, pero aos sete minutos de xogo Lydia conseguía finalizar no segundo pau un pase de Sulha, e poñer por diante ao Melilla Sport Capita Torreblanca FSF.
As herculinas non se daban por vencidas e seguían buscando a súa oportunidade, e conseguían xerar perigo suficiente nun par de ocasións para conseguir a igualada; pero as locais tamén facían o propio para tratar de aumentar a renda. Pero finalmente chegou a igualada na medianía do período, cunha internada por banda de Èlia Gullí, que a coloca á medio da área onde Cláudia Lobo toca o xusto para despistar a Sara Soares e poñer o 1-1 no marcador.
O partido víase cun cadro local ansioso de buscar a portería de Leti Rojo, e isto xeraba oportunidades para ambos os equipos; pero o gol chegaría a falta de catro minutos para o final, por medio de Amandinha que executaba un lategazo sobre a portería de Leti Rojo para poñer o 2-1 no marcador.
Os últimos minutos, foron de contemporizar o xogo por parte das locais, mentres que as galegas buscaban sorprender coa igualada, pero o partido íase ao tempo de asueto co 2-1.
Tras o paso por vestuarios, o conxunto coruñés buscaba contemporizar o partido e ter o balón para buscar a igualada con calma; pero atopouse cun Melilla Sport Capital Torreblanca FSF que presumiu de efectividade e en apenas dous minutos conseguía coller distancia no marcador ata o 5-1.
A primeira sería Juliana que aos tres minutos armaba unha gran xogada persoal e finalizaba cun disparo exterior sen paliativos. Apenas uns segundos máis tarde, Amandinha conseguía subir o 4-1 tras a execución dunha falta directa, baixa e axustada ao pau; e xa para poñer a puntilla chegaba o 5-1 cun potente disparo de Ana Cunha, á deixada de Nega desde a frontal.
O partido poñíase moi costa arriba para as galegas, que aínda tiñan 15 minutos por diante; e entón Jorge Basanta opta por sacar o xogo de cinco para tratar de xerar perigo, e empezan a chegar as ocasións, pero Morenín opta, tamén, pola mesma táctica e vense así dous equipos en cancha con porteira – xogadora volcados no ataque.
Con 15 minutos por diante, e dous equipos co xogo de cinco por bandeira; e mentres as herculinas tratan de recortar distancias co xogo de cinco, o Melilla Sport Capital Torreblanca FSF, opta por xogar atrasado para obrigar ás herculinas que suban a liña de presión sobre a cancha contraria e poder aproveitar un balón ás costas para poñer a puntilla.
O Viaxes Amarelle FSF traballaba con paciencia o xogo de cinco local, e buscan a súa oportunidade co seu; e a falta de cinco minutos para o final, Carol Agulla finaliza no segundo pau, un pase de Lau Doce, para subir o 5-2 ao marcador.
O gol galego, dá ás ás herculinas, e apenas un minuto máis tarde María Gómez recibe sobre a liña de área, e pica o balón a Sara Soares para poñer o 5-3 no marcador. O Viaxes Amarelle FSF vén arriba con estes dous goles, e ás locais éntranlle as dúbidas; e uns segundos máis tarde, María Gómez remata de cabeza, a porta baleira, pero o balón vaise fóra, na ocasión de poñer o 5-4.
Ambos os equipos trataron os últimos minutos de partido co xogo de cinco, e as galegas creron ata o último segundo, pero os puntos quedaron en Melilla, tras finalizar o encontro cun marcador de 5-3.
Próxima parada, tras Melilla, derbi galego
Tras este novo duelo oficial da tempada, o conxunto afrontará xornada de descanso este domingo, e o luns volverá á carga de traballo para preparar a seguinte xornada de competición regular, nun novo derbi galego.
A Primera RFEF Futsal Femenina afrontará a vixésimo sexta xornada da competición, en partido que terá lugar o sábado 22 de abril de 2023, a partir das 19:00 horas no Pavillón Municipal de Sagrada Familia (A Coruña), onde o Viaxes Amarelle FSF recibirá ao Ence Marín Futsal.
FICHA TÉCNICA
5) MELILLA SPORT CAPITAL TORREBLANCA FSF: Sara Soares, Amandinha, Thais, Juliana e Ana Cunha – quinteto inicial -. Tamén xogaron: Lydia, Shulha, Nega, Jhennif, Bia e Vicky.
3) VIAXES AMARELLE FSF: Leti Rojo, Carol Agulla, Cris Lourés, Lau Doce e Clàudia Lobo – quinteto inicial -. Tamén xogaron: Tety, Carlita, Èlia Gullí e María Gómez.
GOLES: 1-0 Lydia (min. 7); 1-1 Clàudia Lobo (min. 11); 2-1 Amandinha (min. 16); 3-1 Juliana (min. 23); 4-1 Amandinha (min. 24); 5-1 Ana Cunha (min. 25); 5-2 Carol Agulla (min. 35); 5-3 María Gómez (min. 36).
EQUIPO ARBITRAL: Jairo Leiva Martínez e David Pizarro Megías do Comité Técnico de Árbitros de Melilla. Árbitro Asistente: Abdel-Iah Falchou Bordón do Comité Técnico de Árbitros de Melilla. Mesa: Clara Medero Gómez do Comité Técnico de Árbitros de Melilla. Cartóns amarelos para: Lydia do Melilla Sport Capital Torreblanca FSF e Clàudia Lobo do Viaxes Amarelle FSF .
INCIDENCIAS: Partido correspondente á vixésimo quinta xornada da Primera RFEF Futsal Femenina disputado no Pabellón Municipal Javier Imbroda Ortiz (Melilla).