Había pouco que perder e moito que gañar, pero ao final o HC Borbolla non conseguíu rañar puntos na súa saída a terras catalás. As coruñesas perderon por 0-4 contra o Magic Studio CP Malleu. As galegas aguantaron o tipo ata o final da primeira parte á que se chegaba con 1-0 e o partido aberto.
Gañar na pista das líderes en solitario e actuais campioas da OKLiga era unha misión case imposible para o HC Borbolla, un club acabado de ascender que aspira a manter a categoría e seguir medrando aos poucos. “Non puido ser”, lamentaba o adestrador das herculinas. Santi Martínez explicaba que o equipo que adestra deu “a faciana e ao descanso chegamos con 1-0 e varias ocasións de marcar”.
Santiago Martínez, adestrador do HC Borbolla: “A segunda parte costounos máis, pero aínda así ata tivemos un libre directo a favor que non logramos marcar”
As catalanas anotaban ao arranque do choque pero logo xa non foron quen de volver perforar a meta rival ata o segundo tempo de xogo. Saíron fortes de vestiarios e acadaron dous goles en 5 minutos que puxeron o partido moi costa arriba para as coruñesas. Nara López Anglada, con tres tantos, foi o principal tormento ofensivo para a escuadra coruñesa.
O adestrador das galegas admite que a segunda parte “costounos máis, pero aínda así ata tivemos un libre directo a favor que non logramos marcar”. O tiro foi de Julia Cabanas que non puido bater a Fernanda Hidalgo.
Menor intensidade defensiva do HC Borbolla na segunda metade
Na análise do partido o preparador coruñés explicaba que no primeiro período “defendemos bastante ben, pero na segunda metade baixamos un pouco. O CP Manlleu é un equipazo. É capaz de manter un ritmo altísimo de intensidad os 50 minutos de partido”, advirte Santi Martínez.
Na lectura positiva do choque, primeira saída do HC Borbolla, está que “crecimos como equipo”, así o viu o seu técnico. Na opinión do adestrador, as súas pupilas foron sobre a pista un bloque “moi solidario”. Tamén na parte positiva está que as xogadoras chilenas Fernanda Tapia e Fernanda Muñoz xa debutaron coas ‘tomatitas‘.
Santiago Martínez, adestrador do HC Borbolla: “Medramos como equipo e fumos máis solidarias”
A achega destas dúas patinadoras é moi importante e se agardaba a súa chegada como auga de maio. No caso cancerbeira o mesmo adestrador destaca o seu protagonismo baixo paus. “Fernanda Tapia estivo inmensa, e Muñoz tamén tivo un bo debut. Deron mostras da súa categoría ante un equipo tan potente”, resalta Santi Martínez.
Non lle falta razón ao técnico galego xa que o Magic Studio CP Malleu continúa intratable. Leva tres de tres partidos gañados, once goles a favor e ningún en contra. Invictas e imbatidas.
O seguinte choque das galegas será esta fin de semana, o domingo 18 ás 12:00 horas no pavillón de Monte Alto da Coruña. Visitará a cidade herculina o Cerdanyola (invictas con dous partidos gañados e un empatado).
O HC Borbolla preparará coa cabeza fría e a mente no obxectivo final: a permanencia. O seu técnico, Santi Martínez, non perde de vista que algo así constrúese paso a paso: “estamos medrando como equipo en cada partido que xogamos e niso temos que seguir a traballar en cada adestramento”. Por diante, unha semana de traballo para as galegas que buscarán o seu primeiro triunfo.
FICHA TÉCNICA
HC BORBOLLA: Edén Avecilla (P), Julia Cabanas, Lara Yáñez, Bea Pereira, Lucía Yáñez -cinco inicial-, Antía Rivadas, Alba Díaz, Marta Vilas (C) e Florencia de Girolamo (PS).
MAGIC STUDIO CP MANLLEU: Hidalgo, López, Casarramona, Castellví, Díez -cinco inicial-, Otegi (ps), Gurri, Bullo, Anglada y Mas.
HC BORBOLLA: Fernanda Tapia (P), Julia Cabanas, Lara Yáñez, Bea Pereira, Lucía Yáñez -cinco inicial-, Edén (PS), Antía Rivadas, Alba Díaz, Marta Vilas (C) e Fernanda Muñoz.
GOLES: 1-0: min. 2, López. 2-0: min. 26, López. 3-0: min. 30, Castellví. 4-0: min. 46, López.
ÁRBITRO: Marc Vilardell.
COLEXIADOS: Árbitro principal: Laia Martínez Galindo.
INCIDENCIAS: Pavillón Municipal de Manlleu (Manlleu). Partido correspondente á terceira xornada da OK Liga feminina da Federación Española de Patinaxe.