- Varias son as persoas deportistas que se unen a esta iniciativa. A xogadora do CRAT Residencia Rialta Paula Medín, a atleta Nieves Vázquez do Club Atletismo Sada, a padexeira Gema Alonso, do Ría de Betanzos, o piloto de rallys Iván Ares, o piloto de motos Borja Sánchez, así como os xogadores do Básquet Coruña Zach Monaghan e Javier Vega, participan nesta acción.
Coa campaña “Xogamos xuntos, pero el/ela non é un xogo” o Consorcio As Mariñas e Servigal pretenden trasladar á sociedade a idea de que, pese a que adoitamos xogar e divertirnos xunto aos animais de compañía, eles non son un xogo, son unha responsabilidade que asumimos para toda a vida. Un ser vivo co que compartimos percorrido vital e do que nos facemos responsables para sempre. Búscase, en definitiva, promover a tenencia responsable de mascotas.
Para este fin contouse coa inestimable colaboración de deportistas de diferentes disciplinas e distintos concellos do Consorcio As Mariñas, que quixeron sumarse a esta campaña sobre tenencia responsable. Sete deles xa pasaron diante as cámaras e xogaron con animais que agora mesmo están en adopción nas instalacións de Servigal en Abegondo, que é onde se atopan os cans e gatos que tutela o Consorcio As Mariñas ata a súa adopción.
Estas son as e os deportistas que xa se teñen sumado á campañna
Na lista de deportistas, que está previsto que siga medrando, buscouse contar con representación dos diferentes concellos que conforman o Consorcio As Mariñas:
- Abegondo: Borja Sánchez. Piloto de motos e mestre de pilotos. Chegou a competir no Mundial de Supersports300.
- Bergondo: Gema Alonso. Padexeira do Ría de Betanzos e Campioa galega.
- Carral: Iván Ares: Piloto de Rallys e actual campión de España de terra 2021.
- Cambre: Paula Alevín. Xogadora de rugby no CRAT. Campioa de Liga co club coruñés e internacional coa Selección Española en XV e Seven. Diploma olímpico nos Xogos Olímpicos de Río en 2016.
- Sada: Nieves Vázquez. Atleta. Velocista do Club Atletismo Sada. Prata F45 nos Campionato de España Máster de clubs ao aire libre 2021 nos 200m e tamén no ano 2020 na distancia de 100m.
A todas estas persoas deportistas súmanselles dous xogadores do Básquet Coruña, Zach Monaghan e Javier Vega, que acudiron á chamada do Consorcio As Mariñas e Servigal en representación do equipo.
Este club de baloncesto está a colaborar tamén con esta iniciativa incluíndo a campaña “Xogamos xuntos, pero el/ela non é un xogo” na publicidade que ven a pé de pista as persoas que acoden aos partidos dos laranxas en Riazor.
Compre advertir que, debido a incompatibilidades de axenda, están pendentes de gravación as colaboracións das persoas deportistas que van representar aos concellos de Betanzos, Culleredo e Oleiros.
A campaña contará con pezas fotográficas e audiovisuais, cuñas de radio e distribuirase nas redes sociais do Consorcio As Mariñas e Servigal, así como en medios de comunicación coa fin de chegar á veciñanza e concienciala na adopción consciente e responsable.
A importancia do chip e de eliminar os abandonos
Unha das cuestións sobre as que se quere facer reflexionar á sociedade é sobre a correcta identificación das mascotas. A incorporación do chip é algo obrigatorio e que facilita o retorno aos seus fogares dos peludiños que se perden. A súa volta a casa complícase enormemente sen esta ferramenta.
Esa é unha das cuestións que campañas como esta pretenden evitar. Búscase promover as adopcións, pero conscientes e comprometidas de por vida co ser vivo do que se fai responsable quen adopta.
Os abandonos cando os animais se fan maiores é outra das cuestión a erradicar. Tanto se se merca, como se se adopta, o compromiso de coidar desa mascota adquírese de por vida. Tamén cando se fan maiores e teñen menos folgos para xogar con nós.
En definitiva, xogamos e gozamos cos nosos compañeiros de vida peludos e bigotudos pero non son un xogo, son unha responsabilidade que debemos afrontar conscientes do que significa e os coidados que leva aparellada esa decisión.