Logo dunha derrota, o mellor é xogar canto antes para poder vencer e recuperar animicamente ao bloque. Iso, din, é unha máxima do deporte. O Dépor ABANCA visita hoxe ás 12:30 ao Córdoba CF en terras andaluzas logo de ter perdido no seu fortín abegondés na anterior xornada co Barça B. Irene Ferreras, adestradora das galegas, decía na previa que o equipo foi “de menos a máis nos adestramentos”, admitindo que “despois dunha derrota como a do Barça B é difícil levantar a moral das xogadoras”. Pero avisando tamén de que “cabezas xa están preparadas para o próximo partido”.
A cita de hoxe, sábado 25 de marzo ás 12:30 ante o Córdoba CF, será na Ciudad Deportiva do conxunto andaluz e corresponde á 24ª xornada de liga na Primera Federación da RFEF FutFem. As Nosas deportivistas mantéñense na segunda praza da táboa, por detrás do seu último verdugo, o FC Barcelona B. O que fai que, como son filiais, o ascenso directo neste momento sería branquiazul.
O Dépor ABANCA ten 41 puntos, os mesmos que CDF Osasuna Feminino. O CP Cacereño e SD Eibar son 3º e 4º respectivamente con 40 puntos. Todos os aspirantes ao ascenso están, polo tanto, nun pano. Tropezar pode saír caro. A concentración é impresdincible.
A técnica deportivista admitiu en rolda de prensa que “despois dunha derrota como a do Barça é difícil levantar a moral das xogadoras”. No entanto, precisou que “onte terminamos moi ben o último adestramento da semana (en herba artificial como os do resto da semana) e as cabezas xa están preparadas para o próximo partido”.
Lista de convocadas do Dépor ABANCA
Na convocatoria para este partido co Córdoba CF que fixo pública Irene Ferreras é baixa Millene Cabral, afectada dunha lumbalxia. “Ten problemas de costas. Tiñamos moitas dúbidas de que puidese chegar e ao final vaise a quedar aquí”, aclarou a adestradora madrileña. Paula Monteagudo será a representante da nosa canteira na citación de 18 futbolistas. Que son as seguintes:
#AsNosas convocadas para a 24ª xornada de #PrimeraFederaciónIberdrola, o #CCFFemDéporABANCA de mañá ás 12:30 h. na Cidade Deportiva do Córdoba CF! pic.twitter.com/jMHo7ca1ZU
— RC Deportivo (@RCDeportivo) March 24, 2023
Pola súa banda, o Córdoba CF é penúltimo (15º) na táboa con 17 puntos. Chega ao choque após caer a pasada fin de semana (1-0) na súa visita ao Real Oviedo.
No partido da primeira volta disputado en Abegondo, o triunfo foi deportivista por 3-1, con goles de Inés, Carlota Suárez e Ainhoa Marín, todos eles na primeira metade.
Esta temporada na súa Cidade Deportiva, o Córdoba CF gañou ao CD Alba Fundación Feminino (2-0), Real Oviedo (3-0) e CD Juan Grande Ginelux (4-1); empatou co Athletic Club B (2-2), FC Barcelona B (1-1) e CP Cacereño Feminino (1-1); e caeu ante o RCD Espanyol (0-2), DUX Logroño (1-2), SD Eibar (0-1), Granada CF (1-2) e Rayo Vallecano (0-2).