O comezo da loita do Dépor ABANCA por voltar á Primera Iberdrola xa ten data. A Real Federación Española de Fútbol fixo xa público o calendario de datas das súas competicións e as galegas comezarán a Reto Iberdrola na fin de semana do 4 e 5 de setembro.
Nesta categoría de prata competirán un total de 32 equipos, divididos en dous grupos de 16. Segundo o calendario, o último partido do Dépor ABANCA no ano 2021 será na fin de semana do 11 e 12 de decembro. Tras o parón de nadal, a competición retomarase o 8 ou 9 de xaneiro de 2022. A Reto Iberdrola concluirá na última fin de semana de maio, e quedará o mes de xuño para o play off de ascenso.
Restructuración para a tempada 2022/2023
A RFEF anunciou así mesmo unha restructuración no fútbol feminino para a tempada 2022/2023. A Primera Iberdrola terá só 14 equipos, dous menos que na actualidade, e a Reto Iberdrola contará cun só grupo de 16 conxuntos. Con estes cambios crearase unha nova categoría, a Tercera RFEF, constituida por dous grupos de 16 equipos cada un.