- O Dépor ABANCA visita ao CP Cacereño o domingo 2 de outubro ás 12:00 horas.
Con poucas xornada disputadas, ser líder é pouco máis ca unha anécdota, pero o certo é que ocupar o primeiro posto da táboa aporta confianza e folgos a calquera deportista. O Dépor ABANCA é neste momento competitivo que ocupa o primeiro posto na clasificación da Primera Federación. Mañá, domingo 2 de outubro, defenderá o seu status ante o CP Cacereño a partir das 12:00 horas nun partido que se vai xogar no Complejo Deportivo Manuel Sánchez Delgado.
As branquiazuis lideran a táboa con 7 puntos de 9 posibles, despois das súas vitorias en Abegondo ante Rayo Vallecano (4-0) e DUX Logroño (3-0) e o empate ante o Real Oviedo (1-1) cun tanto das carbayonas na última xogada do partido. Con 7 puntos do mesmo xeito que as deportivistas tamén marchan FC Barcelona B, CDF Osasuna Femenino e SD Eibar, aínda que todos eles con peor diferenza de goles.
Irene Ferreras, adestradora do Dépor ABANCA, ten á súa disposición para medirse ao CP Cacereño a todo o cadro de futbolistas agás a Letti Sevilla e Carlota Sánchez, que xa completou con éxito a súa primeira semana co grupo trala súa lesión de xeonllo e ve cada vez máis preto o seu regreso á competición.
Entre as convocadas atópase Millene Cabral, unha das futbolistas de moda na categoría e sobre a que falba a adestradora Irene Ferreras en rolda de prensa. Explicaba sobre a deportista que “caeu de pé. É unha xogadora cun talento brutal a nivel individual. Ten moita calidade, creatividade, é capaz de facer cousas que se cadra outras xogadoras non son quen, pero ten marxe de mellora en movementos tácticos e no entendemento do xogo. Creo que está a crecer moito. Está gozando o proceso de aprendizaxe e se unha dianteira súmaselle que á parte de ter unha boa sensación, fai goles, o nivel de confianza é moi alto. Hai que aproveitar esas xeiras”, conclúe.
“Cando tes dianteiras que están a facer goles e que están a axudar ao equipo nesa faceta, pois a vivir diso tamén e para iso traballa o resto do equipo”, concluía a adestradora branquiazul.
Tamén falou Irene Ferreras , a instancias dos medios, de Ainhoa Marín, unha futbolista capital no vestiario de Abegondo: “Para nós é moito máis do que visualmente vese. Ves calquera partido e ves a unha Ainhoa encarando, descarada, xerando eses uns contra uns, sendo vertical porque ten moito talento, pero como colectivo dános moitas máis cousas”.
Explicaba Irene Ferreras, Marín: É unha xogadora súper intelixente que interpreta moi ben o que necesita o partido, ten moita personalidade dentro do campo para axudar ao resto das súas compañeiras. Dáme moita tranquilidade moitas veces dar consignas desde o banco e sentir que ela desde dentro estao dando igual, porque ten unha maneira de entender o fútbol parecida. Estou moi contenta co seu crecemento, vainos a dar moitas cousas. Que que se sinta importante. Non só por xerar uns contra uns, senón para outras cousas porque é capaz de facer moito e o está demostrando”.
Polo acerto de ambas as dúas seguro que pasan moitas opcións de sacar algo positivo no partido que disputarán en Estremadura contra o CP Cacereño no Complejo Deportivo Manuel Sánchez Delgado.
Pola súa banda, o CP Cacereño é 9º na táboa con 4 puntos e chega ao encontro após un empate (0-0) con sabor a vitoria na súa visita ao CDF Osasuna Femenino, un dos equipos máis poderosos do grupo. Nos seus outros dous partidos non puido no seu campo coa SD Eibar (1-2) e liquidou cun bo triunfo (1-3) o seu primeiro partido de liga en Lezama ante o Athletic Club B.