Dous goles, un de Millene e outro de Eva Dios, deron o triunfo ao Dépor ABANCA no 14.º Trofeo Teresa Herrera diante do FC Porto por un tanteo de 2-0. Un gol en cada tempo e os dous tempos de control deportivista. O técnico local, Alberto Rodríguez, moveu moito o banco, algo habitual nun encontro de pretempada.
Primeiro en #ABANCARIAZOR ️ pic.twitter.com/qxP9BPT7En
— Dépor ABANCA (@RCDeportivoFem) August 13, 2026
Lucía Pardo foi unha das xogadoras máis destacadas do partido. Incisiva, buscando a pelota e as combinacións coas compañeiras, cun fútbol vertical e de equipo. Con todo o trofeo MVP foi para Millene Cabral, un seguro diante da portería rival para o Dépor ABANCA. A dianteira aporta sempre e busca a meta rival con tesón e tino. O seu gol abriu a espita e o camiño do triunfo paras as nosas deportivistas.
Millene @estrellagalicia do #DéporABANCAFCPortoW neste Teresa Herrera 2026!
Parabéns, Millene pic.twitter.com/8RjVGfNWZr
— Dépor ABANCA (@RCDeportivoFem) August 13, 2026
O primeiro tempo foi de control das coruñesas, con chegadas pero con falta de acerto nos metros finais, algo que sería unha constante no resto do encontro.
Rematou a primeira metade co Dépor ABANCA por diante do marcador, froito dun gol de cabeza de Millene Cabral a pase de Olaya que enviaba o esférico desde o lado dereito do ataque deportivista directo á cabeza da brasileira que, soa, remataba no pico esquerdo da área pequena a pracer. A dianteira deportivista poñía o 1-0 no electrónico do Estadio Municipal ABANCA – Riazor ao perforar a meta defendida por Babi no segundo minuto do tempo engadido. A orixe da xogada foi de Espe Pizarro.
Xa na segunda parte deste VIX Trofeo Teresa Herrera , no minuto 49 producíase unha chegada do FC Porto logo cun remate por fóra dos tres paus dun envío que chegou comodamente desde o lado esquerdo do ataque luso e que se culminou na dereita preto da área pequena.

Corría o minuto 53 cando Caracas corría a banda dereita branquiazul e, ao verse soa, sen apoio de compañeiras ás que enviar o balón e con toda a intensidade da carreira agotando a forza nas pernas, intenta un tiro lonxano a portaría que non chegou con forza abondo, nin entre os tres paus.
O Dépor ABANCA controlou o xogo de inicio a fin
No segundo tempo do Trofeo Teresa Herrera desde ano 2026 o Dépor ABANCA contou cunha liña de catro atrás con Caracas, Adriana Ranera, Elena Vázquez e Vega; no medio Eva Alonso, Olaya, Espe Pizarro e Lucía Rivas; Lucía Pardo no enganche facendo parella na zona alta con Millene, unha vez máis a referencia principal no ataque deportivista. Neste esquema tanto Caracas como Vega, ou máis tarde Monteagudo e Sofía Domínguez, adiantaban a súa posición sumándose a tarefas ofensivas desde as bandas.
Lucía Pardo, contaba con moita movilidade baixando a medio campo a recoller o esférico cando facía falta e caéndose aos lados cando o xogo o demandaba. As súas combinacións con Millene e Espe Pizarro descolocaron en varias ocasións á zaga do FC Porto.
Pero nos últimos metros, no disparo final, faltáballe tino ao Dépor ABANCA.
No 63 tivo unha ocasión Lucía Pardo pero non conseguiu premio. Minutos antes LP recibía un golpe no nocello que a tivo un rato sobre o tepe queixándose do impacto.

Toda a segunda metade foi deportivista tanto pola posesión, como polas ocasións.
No minuto 86 Eva Dios aproveita un rebumbio na área pequena para materializar o segundo tanto do Dépor ABANCA (2-0).
(illene) ao teléfono pic.twitter.com/SK05pHSKjJ
— Dépor ABANCA (@RCDeportivoFem) August 13, 2026
Así, con dous tantos no peto, cada un deles acadado na recta final de cada tempo, o Dépor ABANCA levaba o triunfo no 14.º Trofeo Teresa Herrera feminino e levantaba a Torre de Hércules de prata que as acredita como vencedoras da final.
FICHA TÉCNICA:
1) RC DEPORTIVO: Tarazona, Caracas, Elena, Adriana Ranera, Eva Alonso, Olaya, Espe Pizarro, Millene Cabral, Vega, Michi Apóstol e Paula Hernández. Para os cambios: Inês Pereira (PS), Antía (PS), Paula Novo, Eva Dios, P. Monteagudo, Lucía Rivas, Sofía Domínguez, Redru, Lucía Pardo, Carmen, Carla Castiñeyras, Laura Ruiz e Karla.
0) FC PORTO: Babi M, María Inês, Queirós, Mariana Azevedo, Vania Duarte, Turner, Morgan, Leticia, Bryant, María e Lara Perruca. Para os cambios: Brendle (PS), RAquel Cunha (PS), Galochas, Lara Filipe, Negrao, Ana Teles, Angeline da Costa, Matilde, F. Sissé, Rosa Fontes, Marta Rodrigues e Leonor Silva.
GOLES: 1-0 (45+2): Millene. 2-0 (86): Eva Dios.
EQUIPO ARBITRAL: Eugenia Gil Soriano asistida nas bandas por Iria Rosendo González e Lorena Novas Benavides. Cuarta árbitra: Selina Álvarez Blanco. Todo o equipo arbitral pertence ao Colexio Galego.
INCIDENCIAS: Partido correspondente ao Trofeo Teresa Herrera feminino disputado no Estadio Municipal ABANCA – Riazor ante 1.474 espectadores. Escoitouse en Riazo o novo himno deportivista ‘Voa’, que se estreaba nun partido do conxunto feminino. O tema, composto polo músico herculino Xoel López, presentábase esta semana.




















