- O Dépor ABANCA proclamouse campión do Trofeo Cidade de Gaia ao imporse (2-4) ao Valadares Gaia FC, da Primeira División lusa, no primeiro test desta pretemporada.
Desta maneira, o conxunto deportivista devolveu a visita ao equipo portugués porque hai un ano, o Valadares Gaia FC impúxose na Coruña na quenda de penaltis ao branquiazul no Trofeo Teresa Herrera disputado en ABANCA-RIAZOR. Ao final do tempo regulamentario chegouse con empate sen goles.
Hoxe o partido foi totalmente diferente ao disputado en 2021 a pesar de que Irene Ferreras deu minutos a todo o seu cadro con cambios desde o minuto 28.
O choque púxose pronto de cara, posto que Carlota Suárez adiantou ao Dépor ABANCA aos 23 minutos de xogo. Até aí o partido fora de ida e volta, con chegadas a ambas as áreas; pero ese gol converteu ás coruñesas en dominadoras.
Após o descanso seguiu a mesma tónica aínda que con máis efectividade de cara á área rival, plasmada con dous goles de Millene e un tanto de Eva Dios.
O Valadares Gaia FC conseguiu manterse preto no marcador pero dobrou o xeonllo ante o mellor facer do Dépor ABANCA.
Polo Dépor ABANCA xogaron Yohana, Henar, Inés Altamira, Paula Gutiérrez, Eva Dios, Carlota Suárez, Ainhoa Marín, Patri López, Raquel García, Marta Charle e Paula Novo. E para os cambios saltaron ao campo: Nuria Gómez, Lorena Reina, Cris, Letti Sevilla, Marta Rico, Aroa Guerra, Millene, Tati Barcia e Lucía.
Concluído o partido ante o Valadares Gaia FC, a X edición do Trofeo Teresa Herrera feminino será a próxima cita de pretemporada para o Dépor ABANCA.
O encontro, único do verán na Coruña para as branquiazuis, disputarase en ABANCA-RIAZOR o vindeiro sábado 13 de agosto ás 18:00 horas, antes da final masculina, co FC Famalicao luso como rival.
O calendario de pretemporada do Dépor ABANCA, cos resultados dos partidos xa xogados, é o seguinte:
- Valadares Gaia FC 2 – Deportivo ABANCA 4 (Carlota Suárez, Millene (2) e Eva Dios)
- Deportivo ABANCA – FC Famalicao (X Trofeo Teresa Herrera), sábado 13 de agosto, 18:00 h., ABANCA-RIAZOR
- Deportivo ABANCA – SD Eibar, mércores 17 de agosto, 18:00 horas, campo de fútbol de Santianes (Colunga, Asturias)
- Viaxes InterRías FF – Deportivo ABANCA (Trofeo Concello de Sanxenxo), domingo 21 de agosto, 19:00 horas, campo Novo San Pedro (Vilalonga, Pontevedra)
- Deportivo ABANCA – Real Oviedo (Trofeo Emma Cuervo), domingo 28 de agosto, 18:00 horas, Estadio Pepe Barreira (Ribadeo, Lugo)
- Deportivo ABANCA – Athletic Club B, sábado 3 de setembro, 18:00 horas, Campo Municipal Lles Caleyes (Villaviciosa, Asturias)