O sorteo de Copa da Raíña determinou un cruce de branquiazuis contra branquiazuis, coruñesas contra tinerfeñas. O Dépor ABANCA xoga esta tarde de mércores 19 de outubro ante o Fundación Canaria CD Tenerife a segunda eliminatoria do torneo do KO. Será a partir das 19:00 hora peninsular (18:00 hora canaria) e na cancha lagunera da Ciudad Deportiva Javier Pérez. Para este reto Irene Ferreras deixou na Coruña a varias das futbolistas habituais á procura, seguramente, de dosificar esforzos ante unha semana completa de partidos. O partido poderá seguirse ao vivo na canle de YouTube do CD Tenerife.
Chegou a ocasión de que as deportivistas menos habituais dean ese paso adiante do que falaba a súa adestradora, Irene Ferreras, na previa do partido contra o CDF Osasuna. A preparadora das deportivistas estaba contenta precisamente por detectar esa disposición nos adestramentos das futbolistas que teñen menos minutos. A Copa da Raíña será a súa quenda de amosar todo o que teñen para aportar ao primeiro equipo do Dépor ABANCA.
En concreto, a pasada semana, Irene Ferreras decía que as futbolistas menos habituais “están a dar un paso adiante e a min demóstrame que teño á xente enchufada para afrontar semanas con 3 partidos en 7 días e con garantías de poder sacar bos resultados”.
As branquiazuis galegas chegan cargadas de moral tras recuperar a senda do triunfo na última xornada de liga na Primera Federación contra do CDF Osasuna que prepara Kakun Mainz. As coruñesas que adestra Irene Ferreras precisaban volver saborear a vitoria logo do tropezo (goleada incluída) que tiveron ante o Cacereño. O obxectivo acadouse con creces ao vencer 3-0 en Abegondo. Toca agora seguir a senda das vitorias pero na competición copeira.
Pola súa banda o Fundación Canaria CD Tenerife chega a este partido logo dun meritorio empate (2-2) ante o Femarguín. As tinerfeñas chegan, polo tanto, tamén motivadas, con ilusión e dispostas a facerlle fronte ao equipo galego. O seu entrenador, Ivo Jiménez, manifestaba na previa que por primeira vez “imos poder contar con todas as xogadoras. Chegamos con boas sensacións do último partido, todo o equipo loitoiu ata o final, está moi unido e coas ideas claras para este novo reto”. As chicharreras son sétimas na clasificación do seu grupo con 7 puntos.
O adestrador das tinerfeñas, que xogan por vez primeira a Copa da Raíña, explicaba na web do club que a competición do KO “motívanos moito. Temos ganas de competir contra un equipo dunha categoría superior para seguir demostrando o noso potencial e medrar como grupo”.
A eliminatoria é a partido único na cancha do equipo de categoría inferior. Nesta ocasión, en terras laguneras xa que as branquiazuis canarias militan no grupo sur de Segunda Federación FutFem.
O Dépor ABANCA ocupa a terceira praza na clasificación da Primera Federación con 10 puntos, a 3 puntos do líder SD Eibar, o conxunto branquiazul encara esta nova cita copeira. O seu obxectivo, o ascenso, así que non pode perder o paso dos primeiros lugares.
Irene Ferreras contou para esta convocatoria con varias futbolistas menos habituais e algunhas xogadoras do filia recibiron a chamada do primeiro equipo. Paula Novo e Noela representarán a canteira deportivista nunha lista de 16 deportistas. Quedan na Coruña Ainhoa Marín, Laura Fernández, Marta Charle, Millene e Raquel García, todas elas por descanso, e Letti Sevilla (que continúa lesionada.
Esta é a convocatoria do Dépor ABANCA que fixo a adestradora Irene Ferreras:
En primeira rolda, o Dépor ABANCA eliminou (5-0) ao CD Parquesol en Abegondo con goles de Millene -3-, Eva Dios e Paula Novo; mentres que o Fundación Canaria CD Tenerife apeou ao CD Castellón (5-1).
Nesta segunda eliminatoria copeira poderán as menos habituais contar con minutos, gozar sobre o campo e dar conta do seu potencial e poñerllo difícil a Irene Ferreras para elaborar as vindeiras convocatorias.