O Dépor ABANCA conserva o liderato tras vencer 0-1 ao CA Osasuna

Un gol de Ainhoa Marín deu a vitoria ás futbolistas que adestra Irene Ferreras no campo do Tajonar

En Reforma - PublicidadeEn Reforma - PublicidadeEn Reforma - Publicidade

 

O Dépor ABANCA aférrase ao liderato. As futbolistas que adestra Irene Ferreras suman de tres a domilicio e conservan o primeiro posto na Primera Federación do futfem da RFEF. As Nosas branquiazuis venceron pola mínima 0-1 ao CA Osasuna no campo do Tajonar cun gol de Ainhoa Marín no arranque da segunda metade. As galegas suman xornadas na categoría de prata no bo camiño para retornar pola vía rápida (o primeiro posto) á elite do futfem estatal.

Na súa particular loita man con man coa SD Eibar e o Cacereño, polo de agora o Dépor ABANCA vai por diante na clasificación. As herculinas ostentan o liderato empatadas a puntos co Cacereño e a SD Eibar grazas a unha mellor diferencia de goles.

Esta vitoria toma un peso importante logo de que as nosas deportivistas sufrisen a súa primeira derrota como locais a pasada semana. Foi precisamente o Cacereño, a pedra no zapato deportivista este curso, quen tumbou a condición de invicta da Cidade Deportiva de Abegondo.

Unha vez máis a fouteza psíquica do Dépor ABANCA apareceu en escea. Non so por retomar a senda do triunfo e facelo a domicilio (algo que non se lles estaba dando demasiado ben), se non por que, ademais, o CA Osasuna golpeaba primeiro e moi cedo. Foi un gol que non subiu ao marcador. Anulouse. Pero cando o esférico cruza a liña de gol propia, unha luz vermella se ilumina na cabeza da deportista.

De ter subido ao marcador, ese tanto de María González ben podería ter marcado o partido, xa que a xogada acontecía no minuto cinco de xogo. E xurdíu unha perda da posesión nunha saída co balón xogado do Dépor. É dicir, un erro propio e no arranque do partido. O dito, algo que podería ter marcado o choque.

De feito, o RC Deportivo ABANCA non comezou xogando moi ben na Ciudad Deportiva de Tajonar. Pero o conxunto que adestra Irene Ferreras foi quen de reaccionar, recompoñerse e atopar o seu fútbol. O dominio deportivista xa se deixou notar na primeira metade, pero foi decisivo nesa reacción o gol anotado por Ainhoa Marín ao comezo da segunda metade.

Neste choque no Tajonar volveu Lucía á portería, Henar ao centro do campo, e Charle cedeu o seu sitio no once titular a Carlota Sánchez.

Antes do descanso e do gol de Ainhoa Marín, tiveron ocasións claras de marcar Carlota, Millene, a propia Ainhoa Marín, e Paula Gutiérrez que obrigou a Maitane a esforzarse do lindo para evitar que o Dépor se adiantase no marcador antes do descanso. Corría o minuto 40.

Saíron fortes as locais logo do paso por vestiarios, pero logo dunha boa parada de Lucía a un centro chut de Vilariño, o Dépor ABANCA deu un golpe na mesa anotando o gol que lle remataría por dar o triunfo. A xogada do gol arrinca cunha recuperación de Millene na saída de balón do CA Osasuna. A brasileira mandou o esférico a Ainhoa Marín. Viveza, verticalidade, e velocidade deron como resultado o 0-1 para as galegas.

Tiveron as deportivistas máis ocasións. Millene asinou dúas das ocasións con maior perigo. Nunha delas mandou a pelota ao traveseiro.

Tamén tivo traballo Lucía, por que o CA Osasuna levou certo perigo á súa portaría froito de accións de contragolpe.

Partido do Dépor ABANCA entre semana co Athletic Club B en Abegondo

Hoxe, domingo 29 de xaneiro, está prevista a xornada de descanso semanal para as nosas deportivistas. No plan de traballo consta que o Dépor ABANCA adestra de novo mañá luns 30 de xaneiro de 2023 ás 10:00 na Cidade Deportiva de Abegondo.

A próxima cita das galegas nesta Primera Federación FutFem RFEF será o vindeiro mércores 1 de febreiro ás 17:00 en Abegondo ante o Athletic Club B, un equipo que está neste momento na zona baixa da clasificiación. Trátase dun choque correspondente á 18ª xornada da competición da regularidade.

FICHA TÉCNICA

0) CA OSASUNA: Maitane, Vera, Josune (Carmen, min. 62), Celia (Arantxa, min.78), María González (Valero, min.78), Zugasti, Aitana, Iara, Mar, Vilariño (Alexia Jr., min. 62) e Merche Izal.

1) RC DEPORTIVO ABANCA: Lucía, Cris Martínez, Inés Altamira, Raquel García, Monteagudo, Paula García, Henar, Carlota Sánchez (Eva Dios, min. 73), Ainhoa Marín (Sara Navarro, min. 73), Millene e Carlota Suárez (Charle, min. 53).

GOLES: 0-1 Ainhoa Marín (min. 55)

EQUIPO ARBITRAL: Del Mar Trujillano Gallardo, do Colexio andaluz. Amoestou a Alexia Jr. (min. 74), Valero (min. 81) e Lucía (min. 90).

INCIDENCIAS: Partido correspondente á 17ª xornada da Primeira Federación Futfem da RFEF disputado na Cidade Deportiva de Tajonar.

Publicidade - subscrición ao boletín de As NosasPublicidade - subscrición ao boletín de As NosasPublicidade - subscrición ao boletín de As Nosas

Relacionado co tema

Contacta co departamento de publicidade - As NosasContacta co departamento de publicidade - As NosasContacta co departamento de publicidade - As Nosas