A COVID-19 non pode co Teresa Herrera e este ano si haberá unha nova edición do torneo non oficial máis antigo. Esta será a súa 75ª edición, na que volve as orixes homenaxeando ao fútbol modesto e destinando o recadado ás entidades benéficas de A Coruña.
Para esta edición tan especial, o Dépor ABANCA enfrontarase o domingo, 20 de decembro, a outro club da cidade, as cebras do Victoria. O equipo blanquiazul masculino tamén competirá, e o fará ante unha selección de xogadores de distintos conxuntos da cidade.
Na presentación do Teresa Herrera, a alcaldesa da Coruña, Inés Rey, recalcou que levarase a cabo para manter “viva unha das grandes tradicións deportivas da cidade, poñeremos un gran máis de axuda a quen máis o necesita e homenaxearemos o noso fútbol modesto”.

Para a rexidora, está é a ocasión de “ser capaces de transformar esta edición tan singular nunha oportunidade de axudar a que máis o necesita”. Este é o motivo polo cal os fondos que se recaden cos dous partidos irán destinados a distintas organiacións benéficas.
No acto, ao que tamén acudiron a concelleira de Deportes, Mónica Martínez, e o presidente do Real Club Deportivo, Fernando Vidal, a alcaldesa recordou a importancia do fútbol modesto na cidade. “Ese fútbol de barrio que nutría e nutre o noso Deportivo e que debemos poñer en valor. A todas esas persoas que dedican o seu tempo libre, a súa vida, a coidar e a manter vivos, mesmo na situación actual, os nosos clubs”, declarou.
“Será unha festa do noso fútbol, pero tamén será unha forma de dicirlle ao virus que non poderá connosco”, declarou Inés Rey. Así mesmo, aproveitou a ocasión para agradecerlle ao Dépor a colaboración para organizar o torneo Teresa Herrera, así como a todo o fútbol coruñés.
