O CV Arenal Emevé que este curso 2022-23 adestrará Manuel Blanco prepáranse xa para o seu primeiro gran reto: a Supercopa que disputarán o 24 de setembro en Tenerife. José Valle comeza a súa nova etapa á fronte do equipo de Superliga Masculina. Onte, xogadores e xogadoras do club sometéronse ás probas médicas e completaron a primeira sesión de traballo.
Os equipos feminino e masculino do CV Arenal Emevé volveron ao traballo para preparar unha ilusionante campaña na que ambos os conxuntos competirán na elite do voleibol español.
As probas médicas, realizadas pola mañá no Centro de Prevención de Riscos Laborais de Ibersys, foron a primeira toma de contacto antes de que os dous grupos volvesen pisar pola tarde a pista do Municipal para iniciar as sesións de traballo.
Ambos os equipos xa coñecen o seu calendario de preparación para chegar en plenas condicións á tempada regular. Arrincaranos o 3 de setembro, cando o equipo feminino recibirá ao Autos Cancela Zalaeta no Municipal e o masculino disputará un encontro con sede e rival aínda por definir.
O día 10 os Loitadores serán quen exerza de anfitrións diante Rotogal Boiro, mentres que o conxunto femininoi do CV Arenal Emevé participará na Coruña o I Torneo Internacional CI Zalaeta no que tamén estarán presentes o Voleibol Clube Viana, o RGC Covadonga e o Autos Cancela Zalaeta.
O sábado 17 de setembro terá lugar en Lugo a Xacobeo Cup, na que os dous equipos do CV Arenal Emevé mediranse aos portugueses do Vitória de Guimarães. Por último, os de José Valle pecharán a súa preparación o 24 de setembro nun torneo en San Sadurniño, que lles enfrontará ao equipo local, a Rotogal Boiro e ao Voleibol Clube Viana.
O equipo feminino do CV Arenal Emevé, a pola Supercopa
O primeiro gran reto para o club será a Supercopa Iberdrola que se disputará no pavillón Santiago Martín de Tenerife o 24 de setembro. Alí as xogadoras que adestra este curso Manuel Blanco mediranse ao Tenerife Libby’s La Laguna para buscar o primeiro título na historia da entidade na máxima categoría.
O preparador das lucenses traballa xa co groso do bloque confeccionado para esta campaña, ao que se incorporarán máis adiante Lucía Prol, Carolina Camino e Candela López que están a disputar o pre-europeo con España.
As Loitadoras, que arrincarán a liga Iberdrola recibindo ao Avarca Menorca a primeira fin de semana de outubro, conformaron un bloque de gran nivel na que destaca a volta a casa de dúas dos mellores expoñentes da súa canteira: Lucia Prol e Sara Folgueira. A elas súmanse experimentadas xogadoras como a colocadora arxentina Valentina Galiano ou as centrais Mame Diouf e Marcella Amaral.
Así é o bloque de xogadoras que adestrará Manuel Blanco no CV Arenal Emevé
A aposta polos novos valores encárnana Candela López, que regresa da Concentración Permanente da Selección Española, Alejandra Pérez que tamén chega a Lugo desde o programa da RFEVB e a incorporación ao primeiro equipo da xuvenís Uxía García e Olalla González. Ademais, o equipo técnico contará coa sólida base do equipo que o ano pasado logrou o subcampeonato de Copa: Jimena Fernández Gayoso, Carolina Camiño, Ainara Burgo, Lida Figueira, Julia Paradela, e Eliana González defenderán unha campaña máis a camiseta do CV Arenal Emevé.
Quen se cambia os seus retos é José Valle, ata a tempada pasada técnico do equipo feminino, que liderará desde o banco o proxecto masculino. O técnico de Abadín terá á súa disposición un cadro de xogadores que conxuga a experiencia do capitán, Víctor Bouza, coa proxección de xogadores formados nas categorías inferiores como o novísimo líbero Samuel Barrasa, que toma a testemuña de Mario Dovale.
O grupo seguirá contando coa entrega de Luca Biliato, Vitão Ramos, Pau Mena, Aurelio Rodríguez e dos canteiráns Pablo Villar e Anier Mariño. Desde Brasil chegan o central Gustavo Romani e o colocador Gabriel Ferreira Galo. O arxentino Koko Linares será o oposto, mentres que o líbero Rodrigo Gallardo, que chega desde Cisneros e o central Jorge Anane, procedente do CV Haris, completan as incorporacións dos lucenses para esta campaña.