A adestradora coruñesa Cris Oreiro xa non forma parte do corpo técnico do Dépor ABANCA. O club coruñés destitúe á preparadora alegando un “progresivo quebranto de confianza e diferenzas en criterios técnicos e deportivos”.
Cris Oreiro chegaba este curso ao Dépor ABANCA onde exercía como segunda adestradora do primeiro equipo, traballando man con man con Irene Ferreras, responsable máxima dese bloque de futbolistas.
A técnica galega tense encargado de cuestións como as xogadas a balón parado e a coordinación coa base branquiazul. Cris Oreiro chegaba á entidade deportivista procedente do Victoria CF da man de Rocío Candal, responsable do Dépor ABANCA.
Hai un par de días que a foto e os datos de Cris Oreiro xa non aparece na parte da páxina web do RC Deportivo que recolle ás persoas que compoñen o staff técnico do Dépor ABANCA, o que fixo aos medios preguntar por esta ausencia. No portal 21 Noticias recollíase onte a destitución.
As Nosas puido confirmar por parte do club a marcha da coruñesa debido a un “progresivo quebranto de confianza e diferenzas en criterios técnicos e deportivos”. Fontes do club herculino desbotan a posibilidade de que o posto da adestradora galega sexa susbtituído por outra persoa que se incorpore ao proxecto branquiazul.
Mantéñense nese staff técnico na web, ademais da primeira adestradora, Irene Ferreras, o adestrador de porteiras Juan Carlos Aguiar Novoa, así como o preparador físico Manu Posse Álvarez e o analista deportivo César Conde Garrido. Tamén están o membros do corpo médico, o doutor Alejandro Mejuto e o fisioterapeuta Pablo Carrascosa Lucas, así como delegado de material Miguel García Esmorís.
Cris Oreiro foi futbolista antes que adestradora
Antes de chegar ao corpo técnico branquiazul, Cris Oreiro tiña xogado como futbolista en diferentes clubs. Tamén no RC Deportivo anos atrás. No cinco contra cinco tamén tivo o seu momento a coruñesa que xogou no Viaxes Amarelle FSF.
Como adestradora chegou á entidade coruñesa cuns fantásticos resultados colleitados coas Cebras do Victoria CF. Tras dous anos á fronte do banco das herculinas Cris Oreiro decía adeus a un club co que case chega a ascender á liga Reto Iberdrola e poñía rumbo ao RC Deportivo.
O Dépor ABANCA está nos postos altos da Primera Federación loitando polo ascenso á máxima categoría do futfem estatal. O primeiro posto, que ocupou varias xornadas o conxunto que adestra Irene Ferreras, outorga o ascenso directo. De non conseguirse, está a opción de xogar un play-off para conseguir un segundo billete para o ascenso.
O Dépor ABANCA aspira ao ascenso
Agora mesmo o Dépor ABANCA é cuarto na Primera Federación FutFem da RFEF. Por diante das galegas está o o FC Barcelona B (40 puntos) que non pode ascender por ser filial, o CP Cacereño (38 puntos), e a SD Eibar, co que empate a 37 puntos o conxunto branquiazul. O quinto posto é para o Granada CF SAD que ten 34 puntos e o SE AEM, último rival das coruñesas, é sexto con 33 puntos. Como se pode ver na cabeza da táboa da categoría de prata os equipos aspirantes a subir de categoría están nun pano.
Esta fin de semana o equipo coruñés non ten liga xa que a Selección Española xoga a Copa de Naciones e hai parón. o Dépor ABANCA aproveitará esa circunstancia para disputar un partido amigable co Deportivo Alavés, que milita na Primera División. Será hoxe ás 17:00 horas nos campos de La Granja de León.