O Dépor ABANCA despide o 2021 por todo o alto, na primeira posición do grupo norte da Reto Iberdrola. As branquiazuis lograron arrebatarlle o posto de líderes ás xogadoras do Levante Las Planas, pero a herculina Cris Martínez advirte que aínda queda traballo por diante: “Estamos contentas pero isto non rematou”.
As deportivistas eran conscientes de que gañar a un rival directo como as catalás era importante para “dar un golpe na mesa porque eran líderes”, pero vencer neste duelo non é sinónimo directo de ascenso. “Calquera equipo pode quitar puntos e queda moito. Hai que darlle a importancia xusta, celebralo uns días e xa”, apunta.
Á fin da vitoria o equipo festexou o resultado inesperado, aínda que “merecido, incluso podería ter caído algún gol máis”, deixando mesmo a Miguel Llorente “sen palabras”, pero as futbolsitas resérvanse traballando “pouco a pouco para celebralo en maio”.
Marxe de mellora
Aínda que o Dépor ABANCA é polo de agora o mellor equipo da competición, o plantel coruñés ten marxe de mellora. Cris Martínez explica que o punto débil do equipo son os primeiros minutos, como sucedeu no último encontro en Abegondo: “nos primeiros minutos que estabamos máis nerviosas, máis imprecisas e foi unha das cousas que estivemos traballando”.
Porén, “estamos máis preparadas que outros equipos para aguantar os 90 minutos e quizais por iso chegan os goles ao final, pero creo que facemos bos partidos. Pode que custe máis entrar pero creo que nos 90 minutos intentamos estar o mellor posible e o máis serias posibles”, explica.
Cris Martínez: “Estamos máis preparadas que outros equipos para aguantar os 90 minutos”
Este conxunto, creado recentemente con todas as novidades na pretempada tanto no plantel como no corpo técnico, está a funcionar deixando atrás calquera posible dúbida: “Cando coñecín á xente en pretempada era todo xente nova pero xa se vía a calidade das xogadoras. A medida que pasaban os partidos e o tempo creo que se vai plasmando no campo e no xogo o que nos pide Miguel e creo que irá a mellor”.
Cris Martínez, ao servizo do xogo deportivista
No último partido, Martínez xogou primeiro na banda dereita para cambiar despois á esquerda. Este foi un cambio do que Llorente xa lle avisara, xa que “quere moito xogo por dentro e intenta facer eses cambios para perfilar e entrar adentro. Eu contenta de axudar ao equipo nunha banda ou outra, onde se me necesite”.
Cris Martínez: “Eu contenta de axudar ao equipo nunha banda ou outra, onde se me necesite”
A nivel colectivo, o Dépor ABANCA é o mellor equipo defensivo, e no vestiario son conscientes da importancia de que “non nos fiveran gol. Cada vez que metemos un gol nos dicimos a nós portería 0. É un obxectivo que temos”.
A xogadora número 12
Coas restricións sanitarias máis relaxadas, a afección volve a ser clave no xogo deportivista. “A afección é incríble e sempre responde cando se lle necesita. Cando estivemos en Primeira notouse esa xogadora 12. O ano pasado por desgraza houbo partidos nos que non contabamos con eles, pero este ano vén cada vez máis xente e oxalá cada vez veña máis”, expresa a xogadora.
Cris Martínez: “A afección é incríble e sempre responde cando se lle necesita”
Cris Martínez admite que non esperaba rematar o ano como líderes, “porque ao final é un equipo novo con xente nova e hai que facerse, hai que traballar as cousa case desde cero”. Con todo, a xogadora sinala que está “ilusionada e moi contenta”.
O Dépor ABANCA non tiña como obxectivo chegar xa á primeira posición, “de feito nin nos pararamos a pensar en que xogabamos contra as líderes nese momento e que podiamos quitarlles o posto”. Na mente das branquiazuis só hai un mantra: “Queda moito, só lles sacamos un punto e calquera partido pódese complicar fóra da casa e sacar puntos é importante”.
E para o 2022, a futbolista ten dous desexos claros. O primeiro “que sigamos así, que o masculino siga así e que en maio ou xuño poidamos celebrar dous ascensos”, e o segundo, “saúde para todo o mundo”.