O CRAT Residencia Rialta visita ao CR Complutense Cisneros mañá, domingo 16 de xaneiro, a partir das 12:00 horas. Arbitrará o partido o colexiado Joaquín Santoro. A cita é no Campo Central CIU. O obxectivo das galegas pasa por gañar para empezar a sacar a cabeza da zona baixa.
O encontro corresponde á xornada nove e estaba pendente de disputa. Coa celebración deste encontro, as coruñesas poranse ao día no que a partidos pendentes se refire.
Non está tendo fortuna o CRAT Residencia Rialta esta tempada coas lesións que motivaron ausencias nos partidos previos. A iso súmaselle a convocatoria de xogadoras coa Selección Española. Esta fin de semana, por exemplo, non poderán contar con Paula Requena e Ceci Huarte que están co combinado de España 7s prearando as HSBC World Rugby Sevens Series que se disputan os días 21,22 e 23 de xaneiro en Málaga e os 28, 29 e 30 en Sevilla. Será a primeira vez que se xoguen estas series mundiais en España.
Tampouco é que o rival esté mellor neste aspecto, o Cisneros ten coa Selección Española Seven a catro xogadoras: Icíar Pozo, Ingrid Algar, María Calvo e Olivia Fresneda.
O CRAT precisa un triunfo para sacar a cabeza
Volvendo ao cruce co CR Complutense Cisneros, as coruñesas do CRAT Residencia Rialta chegan ao partido apremiadas por gañar. So venceron polo de agora tres partidos e perderon xa cinco. Marchan penúltimas na clasificación da Liga Iberdrola.
O rival que as recibirá no Central non está moito máis tranquilo. O CR Complutense Cisneros está dous postos por encima, son quintas con 21 puntos polos 14 que ten o CRAT. As de Madrid suman catro triunfos, un empate e tres derrotas. Non están tampouco en condición de poder permitirse perder se non quere caer nun pozo do que lle está costando saír ás galegas que adestra a dupla conformada por Helen Roca e Jos Porto