O vindeiro nove de xaneiro, Ribadavia acollerá unha nova edición do Campionato de Galicia de campo a través, a quinta que se celebra nesta localidade. O torneo dará comezo ás 11:40 horas e servirá de estrea para as competicións de atletismo galego no 2022.
Na presentación do campionato de campo a través estiveron presentes a alcaldesa de Ribadavia Noelia Rodríguez, o presidente da FGA Isidoro Hornillos, o concelleiro de Deportes Enrique Rodríguez así como o Delegado da FGA en Ourense Angel Fidalgo.
Durante o acto destacaríanse, ademáis de aspectos técnicos, a importante tradición do concello en acoller probas autónomicas de campo a través, sumando con esta, un total de cinco edicións (2011,2016,2017 e 2018) e cuxa excelente organización resultaría en todas elas, o aspecto máis salientable.
Para este ano, novamente o Concello de Ribadavia está a dispor de todos cantos medios están da súa man para facer da gran cita invernal galega un novo éxito organizativo, sendo un dos elementos máis salientables a excelente adecuación do circuito de A Veronza, ubicado nunha expectacular contorna paisaxística en pleno paseo fluvial xunto ao río Avia.
O primeiro gran campionato do ano
Segundo apunta a Federación Galega de Atletismo, ca disputa deste campionato de Galicia de campo a través inaugúrase unha nova tempada que continúa marcada polas medidas de seguridade e control. Porén, preto de douscentos atletas participarán neste torneo.
Na categoría absoluta femenina e ante a ausencia da campioa galega, a lucense Marta Casanova, destácase a participación da internacional Esther Navarrete quen fora xa por dúas veces campioa galega nas edicións do 2015 e 2017 así como a de Ángela González do Marathon, subcampioa galega no 2020. A vixente campioa Sub23, Laura Santos do Lucus Caixa Rural tamén estará na loita polos postos de honra nesta categoría. De igual modo estaremos moi pendentes das actuacións de Antía Rodríguez do ADAS Proinor, Mariam Ferran do Atletismo Santiago e Paula de la Torre da Gimnástica, entre outras.
Mención especial merece a importante atleta máster Soledad Castro Soliño do Comesaña S.C. quen de longo é quen máis edicións ten disputadas deste campionato.
No apartado masculino, destaca a presenza de Manuel Hurtado da Gimnástica de Pontevedra, gañador na edición do ano 2018 ou a de Antonio Serrat do Real Club Celta e Alejo Ares do ADAS Proinor, ouro e bronce respectivamente na edición do 2019 en As Pontes. Un dos grandes valores do noso deporte Medhi El Nabaoui será outra das máximas atraccións e aspirante ao título sobre o trazado de A Veronza.
No resto de participantes seguiremos con especial atención ás evolucións do campión galego Sub20 Jorge González Mariño do Atletismo Narón, a do seu compañeiro de equipo Juan Rejas, a de Pablo Monteagudo do C.A.Santiago, Iván Roade do ADAS Proinor e a de Bilal Dahmouni do R.C.Celta entre outros
En disputa varias prazas para a Selección Galega
Este campionato contará co engadido de ser selectivo para formar parte da Selección Galega que tomará parte no Campionato de España de Campo a través a desenvolverse en Jaén. Por decisión técnica, os catro primeiros clasificados/as de cada categoría, estarán incluidos de forma automática nesa lista que competirá en terras andaluzas o vindeiro día 30 deste mes.