Unhas 200 persoas participaron esta mañá de domingo na Travesía a Nado na Enseada de San Amaro, unha das citas tradicionais do calendario deportivo coruñés, e que este ano chegou á súa LXXXIV edición.
O concelleiro de Deportes do Concello da Coruña, Manuel Vázquez, participou ao mediodía no acto de entrega de trofeos. A vitoria foi para Lucas Costa (categoría masculina) e Noa Borrazás (categoría feminina), gañadores da competición tras un percorrido triangular de 1,2 quilómetros polas augas de San Amaro, a contorna dos Pelamios e a costa de Durmideiras. No podio acompañáronnos Xoel Cubeiro e Manuel Souto, así como Lucía Villarnovo e Alba Castro, que ocuparon o segundo e terceiro caixón do podio, respectivamente.
A Travesía a Nado na Enseada de San Amaro é “interexeracional”
Manuel Vázquez valorou a importancia da Travesía a Nado na Enseada de San Amaro e tamén a súa lonxevidade no tempo. “Ano tras ano, a Travesía conta coa participación de centos de persoas e amosa, ademais, que hai un compoñente interxeracional, porque xa estamos a ver a rapazas e rapaces que, ou ben participan cos seus pais e nais, ou herdaron o seu sentimento de pertenza con respecto á proba, e iso é alentador porque lle dará continuidade no futuro”, expresou.
Pese á choiva da primeira hora da mañá, as condicións meteorolóxicas deste domingo ao mediodía foron moito máis favorables para a celebración da proba que na data prevista anteriormente, a finais de agosto. Entón, a Travesía a Nado na Enseada de San Amaro tivo que aprazarse tanto polo pronóstico de alerta laranxa como pola presencia de medusas nas augas das praias urbanas da cidade, o que motivou a súa suspensión temporal para preservar a seguridade das persoas participantes.




















