A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, rendeu conta dos asuntos aprobados na Xunta de Goberno Local que tivo lugar esta mañá. En primeiro lugar, deuse luz verde á convocatoria das subvencións para a promoción e o fomento do deporte na cidade. O Concello destinará 400.000 euros para axudar, o ano que vén, ás entidades deportivas sen ánimo de lucro do termo municipal. O adianto da convocatoria facilitará a presentación de propostas.
Por outra banda, hoxe tamén se aprobou a sinatura do convenio co Centro Social Sagrada Familia por importe de 75.000 euros, en forma de subvención. “O obxectivo é contribuír ao financiamento dos gastos de funcionamento da instalación e tamén das actividades que se levan a cabo no centro social do barrio”, detallou a alcaldesa, Inés Rey.