- Esta ampliación do carril bici “mellorará a mobilidade e a conectividade na contorna, ademais de dar resposta a unha das propostas dos Orzamentos Participativos”, explican desde o Concello da Coruña.
- O uso da bicicleta como elemento de mobilidade, fomenta hábitos de vida saudables.
O Concello da Coruña, a través do servizo de Infraestruturas, vén de rematar os traballos de ampliación e mellora no tramo de carril bici existente entre o Campus de Elviña e Mesoiro, unha actuación que se centrou no cruzamento da estrada que circunvala Mesoiro coa avenida García Sabell.
Esta actuación dá resposta a unha proposta da asociación Mobi-liza no contexto dos Orzamentos Participativos 2021, con vistas a mellorar a mobilidade e conectividade na contorna. O proxecto implicou a actualización e renovación do paso de peóns existente no cruzamento, creando un novo paso elevado con espazos diferenciados para o itinerario peonil e o carril bici segregado, ademais da sinalización pertinente.
O goberno da Coruña, que lidera Inés Rey, aproveitou esta intervención para executar a ampliación do percorrido de carril bici na contorna, abrindo un novo tramo que conectará o trazado Mesoiro-Campus de Elviña coa estrada do Martinete, a través do paso inferior existente nos terreos lindeiros á rotonda da avenida García Sabell. En paralelo a este novo tramo de carril bici executouse tamén unha nova senda peonil, que contará cun firme diferenciado.
En total, reurbanizouse unha superficie de 862,35 metros cadrados, o que tamén implicou a adecuación das beirarrúas e o trazado de carril bici xa existente.