A Coruña acolle hoxe a celebración do XVII Campionato galego Xunta de Galicia de Atletismo Sub10 en Pista Curta e o XIX Campionato Xunta de Galicia de Atletismo Sub12. A cita, promovida pola Federación Galega de Atletismo en colaboración co Concello da Coruña, afonda no obxectivo do Goberno de Inés Rey de consolidar a cidade como escenario de grandes eventos deportivos en Galicia.
O concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez, entregou as primeiras medallas da xornada aos atletas gañadores e destacou a importancia do apoio ao deporte de base dende as idades máis temperás. “É un pracer que nenos e nenas de toda Galicia enchan A Coruña nesta festa do deporte, acollendo a competición autonómica máis importante do novo atletismo galego” sinalou.

En total, máis de 600 nenos e nenas daranse cita no Palacio dos Deportes de Riazor ao longo da xornada en diferentes modalidades (peso, lonxitude, altura e carreira), durante todo o día de hoxe neste Campionato Galego de atletismo para categorías Sub-10 e Sub-12.
Todos os resultados poden seguirse en liña na web http://ranking.atletismo.gal/online/2024/CORUNA/2024-03-10/.