- A andainas serán de balde, son para alumnado das Escolas Deportivas Municipais que sexa maior de 18 anos, hai que manter as distancias durante toda a actividade e usar máscara.
- A concelleira de Deportes, Mónica Martínez, lembra que o vindeiro luns retoman a súa actividade as Escolas Deportivas Municipais “en grupos de 4 persoas máis o monitor ou monitora”.
A Concellería de Deportes do Concello da Coruña inicia a súa programación de andainas guiadas por espazos deportivos da cidade. A actividade, totalmente gratuíta, está inicialmente dirixida ao alumnado das Escolas Deportivas Municipais de máis de 18 anos. No caso de que queden prazas libres, estas abriranse á cidadanía en xeral, sempre e cando sexan persoas maiores de idade.
A concelleira de Deportes da Coruña, Mónica Martínez, destaca a importancia de “coidar as persoas usuarias máis maiores das Escolas Deportivas Municipais despois deste último ano” con actividades coma esta. Por outra banda, lembra que o vindeiro luns volverán as Escolas Deportivas, “retoman a súa actividade en grupos de 4 persoas máis o monitor ou monitora”, sen contacto físico, con máscara e cumprindo as distancias de seguridade.
Desde a concellería informan de que, seguindo coas restricións para previr contaxios da COVID-19, no mes de marzo as actividades levaranse a cabo con catro persoas máis un guía.
As andainas do mes de marzo serán as seguintes:
- Os venres ás 12:00 horas: visita guiada ao complexo deportivo de Riazor (Pazo dos Deportes e Estadio de Riazor)
- Os domingos ás 12:00 horas: descubrindo o parque escultórico da Torre de Hércules a trote.
Ao remate de cada andaina, as e os participantes poderán repoñer forzas coa degustación que lles ofrecerá Sanbrandán.
As persoas interesadas en inscribirse deberán completar o formulario que se atopa na páxina web de Deportes ou ben chamar ao teléfono 981 18 98 00. As prazas asignaranse por estrita orde de inscrición. O vindeiro 4 de marzo publicarase a listaxe de persoas que obtiveron praza.
Lembran que o uso de máscara será obrigatorio durante toda a andaina, así como respectar as distancias de seguridade entre o público que asista e as indicacións do guía.