Despois de recuperar o encontro da quinta xornada de Liga Feminina 2, AD Cortegada e Ulla Oil Rosalía preparan xa os encontros da fin de semana da Liga Feminina 2. Ambos xogarán o sábado e primeiro o fará o Rosalía, contra o Azkoitia Azpeitia ISB ás 17:00 horas e pouco máis tarde, ás 19:30 horas, o Cortegada ten unha cita contra o Extremadura Miralvalle Plasencia.
As compostelás chegan máis animadas logo de sumar os dous primeiros puntos da tempada. Pero o rival que teñen por diante non porá as cousas fáciles. O Azpeitia ven de gañar na xornada anterior ao Celta Zorka Recalvi e ocupa, con dez puntos, a quinta posición na táboa. Pola súa parte, as de Chiqui Barros acaban de deixar de ser colistas.
No encontro de Pontevedra, o outro conxunto galego tamén terá que medirse ante un rival superior. Trátase do Miralvalle, que no anterior partido venceu con moita comodidade ao CB Arxil.
Ambos encontros poderán seguirse a través do Canal FEB.