Despois de quedar na primeira posición do seu grupo, o BAXI Ferrol disputa mañá, luns 12 de outubro, a semifinal da Copa Galicia ante o Celta Zorka Recalvi. A cita será ás 18.30 horas, no pavillón da Raña, en Marín e será a porta pechada, sen público nas bancadas, aínda que se poderá seguir a través de FEGABA TV, a canle streaming da Federación Galega de Baloncesto.
O conxunto departamental acode á cita con todas as xogadoras do primeiro persoal, aínda que é posible que Sune Swart siga sen debutar esta tempada, xa que leva só cinco días traballando co equipo.
As celestes veñen de gañar 77-49 ao Ulla Oil Rosalía no primeiro partido oficial de ambos os dous conxuntos na LF2 2020-21.

Trátase do partido máis esixente dos que disputou o cadro ferrolán no que vai de campaña, xa que enfronte vai ter a un rival dun gran nivel. O Celta Baloncesto fichou a xogadoras con moita experiencia en categoría superior e que aspira a clasificarse para a final do torneo autonómico.

O adestrador do equipo ferrolán, Lino López, destaca das súas adversarias viguesas que “teñen un plantel máis compensado que o ano anterior e con xogadoras bastante resolutivas”.
O técnico do BAXI Ferrol engade na previa deste encontro do torneo autonómico: “nós imos continuar co guion que temos marcado na nosa preparación e trataremos de seguir dando pasos á fronte e tentar levarnos a vitoria”
Final XXXIV Copa Galicia Sénior Feminina
O conxunto vencedor do partido de mañá, luns 12, clasificarase para a final deste torneo autonómico de baloncesto, que se celebrará o vindeiro día 16 de febreiro ante o Durán Maquinaria Ensino de Lugo, no mesmo pavillón da Raña, en Marín. As lucenses chegan directamente á final por xogar la Liga Endesa. Ademais, defenden o título xa que son as actuais campioas da Copa Galicia de Baloncesto.