A Copa Galicia 3h Resistencia chegou este ano ao calendario autonómico para quedarse e no 2023 volverá ser o certame encargado de inaugurar a temporada. Na súa segunda edición este circuíto de probas ciclistas medra e presenta un evento máis que na súa estrea. De catro xornadas pasa a cinco: Narón, Noia, Boiro, Camariñas e Muros.
Non haberá tregua. Serán cinco os domingos consecutivos que o pelotón da primeira Copa Galicia do ano entrará en acción. A cita inaugural está fixada para o 15 de xaneiro coa II Resistencia Cidade de Narón, competición que se incorpora ao calendario federativo. O seguinte desafío, as 3 Horas BTT Noia do día 22, exerceu o pasado mes de febreiro de campionato autonómico desta especialidade do BTT.
Sen saír da provincia da Coruña, as outras tres carreiras da Copa Galicia 3h Resistencia repiten respecto á edición do ano da súa estrea, o 2022. En concreto, o 29 de xaneiro disputarase a Boiro 3 Horas BTT Non Stop, o 5 de febreiro chegará a quenda da 3H BTT Circuít da Caramiña en Camariñas e o día 12 porase o punto final na 3 Horas Resistencia BTT Concello de Muros.
A Copa Galicia 3h Resistencia ofrece dúas posibilidades para participar. Pódese competir de xeito individual nas categorías Elite, Sub23, Júnior e Máster-30-40-50-60 ou por parellas masculinas, femininas, mixtas e cadetes. A inscrición para juniors e cadetes é de balde, o resto terán que abonar 15 euros.
Toda a información sobre a Copa Galicia 3h Resistencia podes atopala na súa páxina web na Federación Ciclismo Galego e nas redes sociais a través do cancelo #CopaGaliciaR23.
CALENDARIO DA COPA GALICIA 3H RESISTENCIA
- 15/1 II Resistencia Cidade de Narón – Narón C.C.
- 22/1 3 Horas BTT Noia – Toxo P.C.
- 29/1 Boiro 3 Horas BTT Non Stop – RSBike Boiro C.C.
- 05/2 3H BTT Circuíto da Caramiña – Baikers do Vilán P.C.
- 12/2 3 Horas Resistencia BTT Concello de Muros – Muros C.C.