O Conservas Orbe Rubensa Bm Porriño e o Lobas Global Atac Oviedo volvían verse as caras na xornada seis da liga Guerreras Iberdrola. De novo o Pavillón Municipal do Porriño acollía un enfrontamento entre estes dous equipos, esta vez en liga.
Ás 18:00 horas, o municipal porriñés ao ritmo dos cánticos da súa afección viu como se poñía en marcha o partido co saque de Alicia para Caro Bono. O xogo deu comezo e o Conservas Orbe Rubensa Bm Porriño creaba espazos claros de lanzamento ata que Alicia Campo inaugurou o marcador.
O Lobas Global Atac Oviedo non se quixo quedar atrás e a súa resposta foi rápida para poñer a igualdade a través de Teresa Rodríguez. Transcorreron o primeiros cinco minutos e Sarai Samartín poñería o empate. Co paso dos minutos, as do Porriño foron aumentando a intensidade defensiva, pero o xogo das asturianas con pivote estaba a facer moito dano.
Ambas as poterías con Ayelén Rosalez e Begoña Otero tamén estaban a ser claves no xogo coas súas paradas. O marcador mantívose cun 4-4 ata o minuto 14:29, onde Celia Rojo batía a Ayelén desde sete metros. A resposta foi da internacional arxentina, Mica Casasola, que poñería de novo a igualdade no electrónico.
O minuto 20 chegou, o Conservas Orbe Rubensa Bm Porriño poñíase dous goles por encima por primeira vez no partido (8 6). A pesar de estar en inferioridade, tras a exclusión de Santomé (min. 20:44), o equipo louriñés mantiña o ritmo e conseguiría a diferenza de tres, a máxima ata ese momento.
As axudas na defensa galega estaban a impedir que o Lobas Global Atac Oviedo atacase comodamente. Con todo, aproveitando unha nova inferioridade, o conxunto asturiano volvía poñerse un gol por baixo na recta final do primeiro tempo. Caro Bono con dous tantos anotados impoñería unha vez máis a diferenza de tres no resultado.
No descanso xa mandaba o Porriño 13-10
Chegou o descanso e o Conservas Orbe Rubensa Bm Porriño foise co marcador ao seu favor de 13-10 co gol de Buforn na liña de penalti.
A segunda parte empezou coas asturianas atacando baixo os mando de Miriam Cortina, pero unha nova perda de balón deu a oportunidade para que Casasola puxese a diferenza de catro.
O Lobas Global Atac Oviedo en cuestión de minutos recortaba a distancia de catro goles ata poñerse un por baixo co gol de Amaia Arroniz. O minuto 10 instaurouse no electrónico co resultado a favor das porriñesas (16-13) e que a renda aumentaría co lanzamento de Paulina Buforn.
O Conservas Orbe Rubensa Bm Porriño nesta segunda parte tiña un xogo moito máis fluído e que o conxunto de Oviedo non estaba a saber parar. A diferenza aumentaba e entrado o último cuarto, o conxunto galego continuaba mandando cun 20-14.
O ataque porriñés estaba a ser rápido e eficaz e onde Mica Casasola estaba a sobresaír. O continuo traballo permitía que o Conservas Orbe Rubensa rotase entre todas as súas xogadoras. Así, a falta de menos de 10 minutos para a conclusión volvía ás pistas a extremo esquerdo Thais Fermo, tras un duro ano de recuperación.
Os últimos minutos foron un intercambio de goles e no que o Lobas Global Atac Oviedo recortou distancias no resultado. Chegou o final do partido no Porriño e o Conservas Orbe Rubensa Bm Porriño sumou unha nova vitoria en casa cun 28-26.
FICHA TÉCNICA
28) CONSERVAR ORBE RUBENSA BM PORRIÑO: Carolina Bono (5), Mica Casasola (7), Alicia Campo (2), Malena Valles (2), Inés Hernández, Aitana Santomé (1), Aroa Fernández, Maider Barros (1), Sarai Samartín (1), Paulina Buforn (5), Carmen Prelchi (2), Thais Fermo (2), Marta Groba, Maddi Bengoetxea, Ayelén Rosalez e Ana Palomino.
26) LOBAS GLOBAL ATAC OVIEDO: Aida Palicio (2), Celia Rojo (3), Andrea Zulet (1), Miriam Cortina (7), Amaia Arroniz (1), Brenda Torres (2), Teresa Rodríguez (3), Elena Martínez (2), Débora Torreira, Carmen García-Calvo (2), Camila Méndez (3), Danae Miranda, Jimena Merino, Lorena García, Inés Suárez e Begoña Otero.
MARCADOR CADA CINCO MINUTOS: 2-3, 4-4, 4-5, 8-6, 10-7, 13-10 ( DESCANSO ) 14-13, 16-13, 20-14, 24-20, 26-22 e 28-26.
EQUIPO ARBITRAL: A parella arbitral estivo formada por Mauro Antonio Montero e Jon Cid. Por parte do Conservas Orbe Rubensa Bm Porriño excluíron a Aitana Santomé e Malena Valles. Pola parte do Lobas Global Atac Oviedo excluíron a Carmen García-Calvo, Elena Martínez, Amaia Arroniz e Débora Torreira.
INCIDENCIAS: Partido correspondiente á sexta xornada da Liga Guerreras Iberdrola.