O Concello de Burela recibiu ao equipo feminino do Pescados Rubén Burela FS con motivo de ser campioas, un ano máis, da Supercopa de España de Futsal Feminino 2023. Son xa cinco os trofeos de Supercopa que atesora o equipo lucense.
Durante o acto no Concello de Burela o alcalde, Alfredo Chairo, recoñeceu tanto a labor do Burela FS como a do equipo polo traballo que están facendo, non só esta tempada, senón a o longo dos anos, promovendo valores a favor do deporte, a saúde e o benestar, así como tamén pola igualdade entre todas as persoas.
Pola súa banda, o vicepresidente segundo do club, Jose Luís Sáez, que asistiu ao evento, tamén agradeceu ás xogadoras o seu esforzo e labor nesta Supercopa na que houbo quen ata xogou lesionada.
Acudiron ao acto no Concello de Burela todo o equipo feminino do Pescados Rubén Burela FS (xogadoras e corpo técnico), o vicepresidente segundo do Pescados Rubén Burela FS, Jose Luís Saez, o alcalde Alfredo Llano, o concelleiro de deportes Ramiro Fernández Rey, a concelleira de cultura, Carmela López Moreno, e a concelleira de muller e igualdade, Noelia Ben Vázquez.
É a quinta Supercopa consecutiva que o equipo laranxa gaña e, outro ano máis, o club organizará unha ‘Superfesta’ esta fin de semana despois do partido contra o Leganés, coa colaboración do concello de Burela na mesma praza do concello para celebralo cos veciños.