- A participación non require de inscrición previa e tampouco ten límite de idade, e abrangue disciplinas como tai-chi, pilates e zumba, entre outras moitas
O Concello da Coruña puxo en marcha esta semana o programa Coruña en Forma, unha iniciativa que ten como obxectivo converter os espazos públicos e urbanos en instalacións deportivas ao aire libre. As actividades comezaron o pasado 10 de xuño nos parques biosaudables da cidade, no contexto das clases de mantemento orientadas ás persoas usuarias das Escolas Deportivas Municipais, e ábrense á cidadanía durante a tempada estival.
Dende hoxe, venres, 1 de xullo, e ata o vindeiro 30 de setembro, os coruñeses e coruñesas poderán achegarse ata as diversas localizacións previstas para participar nas actividades, gratuítas, sen necesidade de inscrición previa e sen límite de idade.
Quenda para a #zumba en Riazor! 🎶#CoruñaEnForma pic.twitter.com/B0UwHvF6Ac
— A Coruña Deportes (@coruna_deportes) July 1, 2022
Onde se ubican as actividades de Coruña en forma?
Aos parques biosaudables súmanse espazos como a praia de Riazor, o miradoiro do Matadoiro, a praza dos Mariñeiros, o campo Johan Cruyff (Novo Mesoiro), a praza dos Avós (Monte Alto), a praza Elíptica (Os Rosales), a praza de Vigo, o Parque Europa (Catro Camiños-A Gaiteira), o parque de Vioño, a praia de Oza e o Barrio das Flores, onde os enclaves destinados á práctica deportiva estarán marcados co sinal amarelo de Coruña en Forma para actividades ao aire libre como tai-chi, zumba, ximnasia aeróbica e pilates.
Deste xeito, o exercicio físico moderado ocupará parques, rúas, paseos e prazas da cidade, promovendo unha vida saudable e convertendo á cidade nun espazo deportivo aberto á cidadanía.
Neste 1 de xullo tamén demos comezo ao programa 🤸 #CoruñaEnForma!
📸 Nas imaxes, sesión de ximnasia aeróbica en Riazor.
Consulta toda a programación: https://t.co/nwoelBWiUd pic.twitter.com/0Tj9Ys79s9
— A Coruña Deportes (@coruna_deportes) July 1, 2022
Ademais, xa o 8 de xullo comezarán as actividades de lecer activo nas fins de semana, cunha oferta de andainas, roteiros, xogos de orientación e deporte adaptado, tamén ao aire libre, e que se levarán a cabo en diversas localizacións como a Cidade Deportiva da Torre – Arsenio Iglesias, a pista de patinaxe de Durmideiras, a explanada do Parrote, a praza dos Mariñeiros e a rúa de San Andrés, entre outras.
Todas as actividades deste programa municipal serán de libre acceso e estarán supervisadas por profesionais con formación. A programación completa de esta actividade pode consultarse a través desta páxina web