O Club Béisbol e Sófbol Cambre presentou no seu local social, a terceira edición do Torneo A favor da promoción e sensibilización do deporte feminino, que se celebrará este sábado 29 de novembro a partir das 10:00 no Pabellon de Ancéis no Concello de Cambre.
O torneo reunirá a xogadoras de distintas categorías , co obxectivo de impulsar a participación feminina no béisbol e o sófbol e promover valores como a igualdade, o respecto e a convivencia. A través desta iniciativa, o club busca dar maior visibilidade ao deporte feminino e contribuír a crear novos referentes para nenas e mozos deportistas de Galicia.

Durante a presentación, representantes do club destacaron que “a igualdade forma parte do noso ADN. Este torneo é unha ferramenta clave para seguir creando oportunidades, fomentar a participación das mulleres e dar visibilidade ao talento feminino no noso deporte”.
O CB Sófbol Cambre leva 35 anos de andaina
Con 35 anos de traxectoria, o Club Béisbol e Sófbol Cambre consolidouse como un referente do deporte en Galicia, con equipos desde a categoría infantil ata a senior, e con xogadoras e técnicos que formaron parte de seleccións autonómicas e nacionais en competicións europeas e internacionais.
A xornada do sábado estará aberta ao público, convidando a veciños, familias e afeccionados a gozar dun día de deporte e convivencia, así como a apoiar o crecemento do deporte feminino en Galicia.

O Club Béisbol e Sófbol Cambre anima a toda a comunidade a sumarse a esta celebración, que reforza a mensaxe de que a igualdade tamén se constrúe desde o deporte.





















