O atletismo non para no Concello da Coruña presentou a cuarta proba do circuíto Coruña Corre, que se desenvolverá no barrio dos Rosales o próximo domingo 22 de maio. A concelleira de Deportes, Mónica Martínez, estivo presente no acto celebrado na praza Elíptica do barrio coruñés.
O prazo de inscrición para as diferentes categorías está xa aberto ata ás 23.59 horas do domingo 15 de maio. O custo para participar nesta carreira é de 3 euros para os maiores de 18 anos, 2 euros para persoas con bonificacións e de balde para os menores de 18 anos. Terán desconto as persoas desempregadas, maiores de 65 anos ou posuidores e posuidoras do Carné Xove.
A carreira absoluta sairá de avenida Manuel Azaña ás 10.30 horas. O percorrido, de máis de 6,4 quilómetros, atravesará o barrio. Haberá seis probas máis de categorías inferiores, que comezarán unha vez rematada a principal. Irán dos 100 aos 2.300 metros.
Os Rosales, cuarta proba do Circuíto Coruña Corre
A dos Rosales será a cuarta proba do circuíto Coruña Corre, que xa pasou por Matogrande e a Torre de Hércules, e pasará por San Pedro de Visma o vindeiro 8 de maio. Para esta última aínda é posible incribirse ata este domingo 1, así como para o circuíto Coruña Corre.
Segundo informan desde o Concello da Coruña, “todas as persoas inscritas ata o de agora no circuíto deberán confirmar a súa participación nesta proba, como recolle o regulamento. Ata o de agora hai 1.400 persoas apuntadas, que poderán competir nas carreiras populares dos próximos meses”.
Só é necesario participar en catro probas das sete para figurar nas clasificacións finais. O custo da inscrición no circuíto é de 12 euros para maiores de idade, de 7 euros para persoas con bonificación e de balde para menores de 18 anos. O obxectivo principal é achegar a práctica do deporte á cidadanía a través de probas que percorren os diferentes barrios.
Este é o calendario previsto para o circuíto Coruña Corre:
- VI Carreira Popular de Matogrande (23 de xaneiro).
- X Carreira Popular Torre de Hércules #ImportaEMoito (26 de marzo).
- XIII Baixada Popular Cross San Pedro de Visma (8 de maio).
- IX Carreira Popular Os Rosales (22 de maio).
- IX Carreira Popular Volta a Oza (11 de setembro).
- VIII Carreira Popular Ventorrillo (23 de outubro).
- X Carreira Popular Novo Mesoiro (27 de novembro).
O circuíto Coruña Corre finalizará coa celebración, o 15 de decembro, da gala anual coa correspondente entrega de premios.