Non puido o Cidade de As Burgas rascar puntos na súa visita ao Penya Esplugues. As ourensás caían derrotadas por un marcador de 6-1 no único partido disputado por conxuntos galegos no seu grupo nesta xornada de arranque competitivo inusual que se viviu na elite do fútbol sala feminino español.

Nos tempos que vivimos as suspensións e aprazamentos de partidos serán moi habituais, pero que dos catro partidos a disputar nun grupo so en dous o balón chegase a rodar non deixa de ser algo raro. Por moito que se compita en tempos de coronavirus e o que mande (ten que ser así, eso ninguén o dubida) sexa preservar a saúde das deportistas, vai ser tempo perdido botar lle un ollo á táboa clasificatoria para tentar tirar lecturas ou mirar o calendario para pensar nos seguintes rivais e facer contas. Os calendarios duran o que un positivo dun contacto directo.
Quinteto inicial con debutante
Pero voltando ao partido das ourensás, que si xogaron hoxe, o cinco inicial que Manolo Codeso puxo en pista por parte do Cidade de As Burgas contou con Iria Rodríguez, Lucía Nespereira, Sonia Pacios, Clara Fernández e a gran novidade de Fara Antolín. A futbolista, debutaba e saía no quinteto de arranque con so 15 anos de idade. Aí e nada!
Aos seis minutos de xogo adiantábase o Esplugues anotando o 1-0. A falta de 3 minutos para poñer rumbo a vestiarios, as locais anotaban o segundo 2-0. E ao borde mesmo do descanso, a falta dun minuto colocaban o 3-0 no marcador co que se chegaba o final do primeiro período.

Eses dous últimos goles, sobre todo o 3-0, foron un xarro de auga fría para as galegas que levaban aguantando boa parte do partido perdendo pola mínima.
Xa na segunda metade, o Cidade de As Burgas, intentaba darlle a cara ao partido e conseguiría reducir distancias (3-1, min 28). Sen embargo, non tiveron nin tempo as pupilas de Manolo Codeso para poder buscar a remontada xa que a Penya Esplugues, so dous minutos de xogo despois, marcaba o 4-1.

Pese a que o resultado se puña costa arriba, houbo boas novas nas filas ourensás. A ala Fara Antolín Pérez non foi a única canteirá que debutaría nesta xornada coa camisola verde. Tamén o fixo Sol Pedrera Michelena (pívot) e África Pazos Capell, que xoga como porteira e que saía á cancha a falta de 9 minutos para o pitido final. A novísima cancerbeira encaixaría dous goles, o 5-1 e o 6-1. Todas elas son do 2005. Unha mocidade ‘insultante‘ para abrirse portas nesta liga tan competida.
Xa o comentaba na entrevista previa ao arranque de competición que o adestrador do Cidade de As Burgas, Manolo Codeso, concedía As Nosas: “O obxectivo, é o de cada ano, pelexar con uñas e dentes por manter a categoría, e á vez crecer como grupo e que esta nova xeración se vaia formando ano tras ano”. Velaí esa nova xeración de verdes que agroma en terras de Ourense.
Este trío de mozas constitúen unha nova fornada de futbolistas para as filas do Cidade de As Burgas. Desde o club lles daban a noraboa e lles invitaban a seguir traballando.
FINAL@PenyaEsplugues 6 – @cidadeasburgas 1
Enhorabuena a las tres peques @_faraantolin_ @soolpedrera y @africapazos por vuestro debut.
A seguir trabajando. Todo llegará. 💪🍀💚
⚽️ @Canolichfs21 pic.twitter.com/UyCMmv26UG— Cidade de As Burgas FS (@cidadeasburgas) October 17, 2020
Esplugues e Cidade de As Burgas, protagonistas do único partido galego do Grupo A
A xornada de arranque da Primeira División do Fútbol Sala feminino estatal tiña so este partido no Grupo A ao lonto desta fin de semana. Tanto o CD Leganés – Poio Pescamar FS, como o Ourense Envialia – Viaxes Amarelle FSF estaban aplazados, e o Gran Canaria FSF Teldedeportivo, descansaba, por ser un grupo conformado por un número impar de equipos. Ademais do partido do Cidade de As Burgas e o Esplugues, xogouse o Futsi At. Navalcarnero – Roldán FSF que rematou con 1-1.
De feito, Viaxes Amarelle e Poio Pescamar aproveitaron para disputar un amigable na Coruña e non perder o ritmo de xogo que ambas as dúas escuadras galegas estaban a conseguir na pretempada.