O CRAT Residencia Rialta renova o seu corpo técnico con Juan Pablo Chorny e Pablo Artime á fronte do primeiro equipo da entidade que neste curso 2023-24 militará, novamente, na máxima categoría do rugby feminino estatal: a Liga Iberdrola.
Segundo anunciou a entidade, o CRAT Residencia Rialta cambiará por completo ao seu corpo técnico para a próxima campaña. Explican desde o club coruñés que “a pesar do final satisfactorio de Liga, onde o equipo mostrouse entre os punteiros da competición, a situación obrigaba a unha reestruturación, xa que Paco Usero non podía continuar por motivos laborais e Jos Portos, aínda que continuará no club, centrarase noutros campos e nas súas responsabilidades federativas”.
Na presentación das persoas integrantes do novo corpo técnico do CRAT Residencia Rialta 2023-24 estiveron presentes, de esquerda a dereita: Humberto Fouz, director Deportivo, Pablo Artime, adestrador, Juan Pablo Chorny, adestrador, Helen Roca, directora Técnica e vicepresidenta, Aurelio de Tena, presidente do CRAT.
Chorny e Artime, dous técnicos que “xa coñecen a casa”
Relatan desde o CRAT Residencia Rialta que é por iso que “se aproveitou a oportunidade para renovar por completo o seu corpo técnico con dúas persoas con sobrada experiencia e que xa coñecen a casa”.
Juan Pablo Chorny comezou a súa experiencia como adestrador e director deportivo na súa cidade natal Mar do Prata, onde combinou a dirección técnica coas funcións de adestrador principal no Club Pueyrredón, equipo onde desenvolveu a súa carreira como xogador, e no San Ignacio. Posteriormente mudouse a Comodoro Rivadavia, onde continuou a súa carreira no Club Calafate, desde onde pasou a outro conxunto da mesma cidade, o Deportivo Portugués.
Durante a súa carreira en Arxentina combinou o seu traballo en clubs coa dirección das importantes seleccións de Unión de Mar de Prata, Sur (Provincia de Buenos Aires) e Austral (Chubut e Santa Cruz)
Xa nos últimos anos e en España, Chorny foi adestrador do Ferrol Rugby, onde disputou a DHB masculina e o ano pasado ocupou a dirección técnica da escola do CRAT.
Pablo Artime desenvolveu toda a súa carreira deportiva como xogador e adestrador no Belenos de Avilés, club no que é toda unha institución.
Durante dúas tempadas a súa vida laboral tróuxolle a Coruña, onde xa foi adestrador tanto do conxunto masculino de DHB como do propio CRAT Residencia Rialta co que se alzou co título da liga Iberdrola en 2019
Tras o seu paso por Coruña volveu a Avilés onde seguiu cultivando logros. En 2022 conseguiu o ascenso co equipo a DH Masculina, máxima categoría nacional, e a permanencia na mesma a presente tempada.