- Punto e final para a serie de catro derrotas consecutivas do Mecalia Atlético Guardés que sae da zona de liguiña de descenso.
- En ataque, Patrícia Lima (seis goles) e Daniela Moreno (cinco) foron as máis produtivas.
O Mecalia Atlético Guardés atopou por fin a primeira vitoria a domicilio. E de que maneira. E en que escenario. Porque o conxunto miñoto logrou un triunfo espectacular na pista do Costa del Sol Málaga, un dos grandes candidatos ao título.
Nun partido sensacional, sobre todo o defensa, o equipo que prepara Abel González dobregou á escuadra malacitana para anotarse dous puntos balsámicos para pechar a primeira volta co tanque cheo de moral para o que vén na segunda e para a eliminatoria de oitavos de final da Copa Europea que disputa esta fin de semana na Sangriña contra o H71 das Illas Feroe.

Dous puntos de ouro que chegaron desde a defensa. Desde o minuto 1 ao 60, o bloque vermello ofreceu un rendemento extraordinario atrás, cun 6:0 moi profundo e presionante, que deixou varias xogadoras a gran nivel.
Carolina Silva, por exemplo, deixou 100% esquecida a súa lesión cunha exhibición no centro do armazón. Tamén Lima, Cifuentes, Nieto ou Moreno estiveron excelsas atrás. E xa se sabe que cando a defensa funciona, a portería produce. Marisol Carratú callou unha actuación sobresaliente, que augou a festa ao equipo malacitano.
Esas altas prestacións defensivas non terminaban de ter correspondencia en ataque. Varias perdas e imprecisións deixaron o marcador ancorado en 2-2 durante máis de cinco minutos. Pero, aos poucos, o Mecalia Atlético Guardés gañou en confianza ao ver que apenas encaixaba.
A primeira liña axustouse mellor con Pauli Fernández, Patri Lima e Sandra Santiago e os goles comezaron a caer. Ata un 0-3 que obrigou a Suso Gallardo a pedir tempo morto. Foi a primeira dentellada ao encontro (7-10).

O Mecalia Atlético Guardés soubo manexarse nesa renda ata o descanso (9-12) e, á volta dos vestiarios, mostrou a súa cara máis experta. A pesar da mocidade de varias das súas xogadoras, o equipo visitante deixouse guiar por veteranas como Carratú, Lima, Gómez ou Cifuentes.
Ataques longos e elaborados para recuperar forzas e deixar pasar o tempo. E atrás, máxima intensidade. Os nervios apareceron no Costa del Sol Málaga, moi pouco afeito ir por detrás no marcador. E a vantaxe comezou a aumentar. Tanto, que o técnico local esgotou os tempos mortos antes do minuto 18 (15-21).
Os compases finais transcorreron entre as présas do cadro costasoleño e o apromo da escuadra miñota. Os ataques seguían sendo longos e efectivos, con boas conexións con Cifuentes na liña e precisión nos lanzamentos desde fóra (Patrícia Lima fixo seis goles) e desde o extremo, con Dani Moreno a gran nivel (cinco tantos).
O sensacional rendemento do Mecalia Atlético Guardés valeulle para permitirse algún erro nos minutos finais sen poñer en xaque a vitoria. Porque, ademais, Carratú seguía parando.
O Guardés sube postos na táboa na Liga Guerreras
Así, ata o bocinazo final que selou a primeira vitoria a domicilio do curso, que corta unha serie de catro derrotas consecutivas e saca ao equipo da zona de liguiña de descenso. O conxunto miñoto ocupa agora a oitaba praza empatado a nove puntos co Gurpea Beti – Onak Azparren Gestión.
No horizonte, a eliminatoria europea da fin de semana contra o H71 e unha segunda volta ligueira máis esperanzadora que nunca.
FICHA TÉCNICA
20) COSTA DEL SOL MÁLAGA (9+11): Merche Castellanos (p.), Estela Doiro, Silvia Arderius (4), Sole López (2), Sara Bravo (2), Elena Cuadrado (2), Rocío Campigli (1), María Pérez, Almu Gutiérrez (1), Espe López (2), Laura Sánchez, Sol Ariadne, Isabelle Medeiros (3), Gaby Pessoa (3), Rocío Rojas e Virginia Robles (p.)
26) MECALIA ATLÉTICO GUARDÉS (12+14): Marisol Carratú (p.); África Sempere, Sandra Santiago (3), Giselle Menéndez, Carolina Silva, Ángela Nieto (1), Pauli Fernández (3), Míriam Sempere (p.), Cris Cifuentes (3), Patrícia Lima (6), Celia López, Elena Amores (1), Carla Gómez, María Sancha (4), e Daniela Moreno (5).
MARCADOR CADA CINCO MINUTOS: 2-2, 2-2, 4-5, 7-7, 8-10, 9-12 – descanso – 11-14, 13-16, 14-18, 15-22,16-24 e 20-26.
EQUIPO ARBITRAL: José Manuel Iniesta y Alberto García. Excluyeron con dos minutos a la jugadora local Almudena Gutiérrez y a la visitante Pauli Fernández (2).
INCIDENCIAS: Partido de la undécima jornada de la Liga Guerreras Iberdrola, disputado en el Pabellón José Luis Pérez Canca de Málaga.