Logo de ser protagonista dalgúns dos grandes momentos da historia do atletismo español, Julia Vaquero volveu situarse no centro da actualidade coa presentación de Chámome Julia, o libro escrito por Isidoro Hornillos que percorre a súa traxectoria deportiva e vital desde unha perspectiva que vai moito máis alá das marcas e das medallas.
A sede da Real Federación Española de Atletismo acolleu a presentación da obra, organizada pola RFEA e Fundación Sportium no marco de Atletismo Solidario. O acto permitiu coñecer a historia de Julia Vaquero desde dentro, achegándose aos seus éxitos deportivos, pero tamén ás súas relacións persoais, ás esixencias do alto rendemento e aos momentos de vulnerabilidade que acompañan unha carreira de elite.
Chámome Julia traslada tamén ao lector a unha época na que o coñecemento sobre a saúde mental, as necesidades específicas das mulleres deportistas e outras cuestións relacionadas co alto rendemento era moi diferente ao actual.
“Eu non quería escribir un libro, quería contar unha historia”, explicou Isidoro Hornillos, que pretende que o lector acompañe a Julia Vaquero «na súa vida máis alá das estatísticas e dos ránkings».
A propia Julia Vaquero compartiu durante a presentación o que supón reencontrarse coa súa historia anos despois e reivindicou a necesidade de abordar a saúde mental sen estigmas: “Ás enfermidades mentais hai que respectalas e non estigmatizalas”.
Acompañar máis alá da meta
A presentación serviu tamén para poñer en valor o traballo de Atletismo Solidario, programa impulsado desde 2023 pola RFEA e Fundación Sportium para achegar o atletismo a colectivos vulnerables e facer do deporte un espazo accesible e sen barreiras. As súas iniciativas, que inclúen o apoio a atletas sen recursos, clubs de base e colectivos en risco de exclusión social, xa chegaron a máis de 800 persoas.
O presidente da RFEA, Raúl Chapado, destacou que “o atletismo ten cousas marabillosas e serve para moito máis que para as medallas”, mentres que o vocal da Fundación Sportium, Carlos Duelo, sinalou que a historia de Julia representa valores como “superación, sacrificio e valentía”.

Chámome Julia convértese así nunha oportunidade para mirar o deporte de elite desde unha perspectiva máis humana e lembrar que detrás de cada marca e de cada medalla hai unha persoa cunha historia que merece ser contada e acompañada.
Un libro sobre Julia Vaquero que engancha desde a primeira páxina
O libro de 366 páxinas narra a vida de Julia Vaquero desde a Galicia rural dos anos setenta ata os grandes escenarios internacionais do atletismo.
Contan desde a Federación Galega de Atletismo que nesas páxinas «hai unha infancia atravesada pola precariedade, os silencios familiares e unha sensación temperá de desamparo; unha adolescencia na que correr empeza a converterse nunha forma de afirmarse fronte ao mundo; e unha madurez na que chegan as marcas, a selección española, os campionatos internacionais e o recoñecemento público… malia que e o libro vai máis alá da historia dunha atleta extraordinaria».
Para todas as persoas interesadas en facerse cun exemplar, o libro atópase dispoñible en AMAZON.

















