O Concello da Coruña, a través da Empresa Municipal de Vivenda, Servizos e Actividades (EMVSA), aprobou a licitación dos contratos necesarios para que o Centro Deportivo do Castrillón abra as súas portas o vindeiro 27 de decembro, tal e como anunciou o voceiro municipal e concelleiro de Economía, Facenda e Réxime Interior, José Manuel Lage, no debate celebrado no centro cívico do Castrillón o pasado 13 de setembro. Cúmprese así o compromiso de poñer en funcionamento este ano este equipamento deportivo, moi demandado pola cidadanía.
O Concello da Coruña explica que, a través de EMVSA, “achegará máis de 415.000 euros para a xestión do centro deportivo e o alugueiro do equipamento das diferentes salas coas que conta. Entre outras cuestións, acordouse tamén que as instalacións abrirán un mínimo de 92 horas semanais, incluíndo sábados, domingos e festivos”.
Por unha banda, o consello de administración de EMVSA aprobou a licitación do contrato para a xestión do Centro Deportivo do Castrillón por tres meses, prorrogable ata un total de cinco meses, por 205.348 euros, I.V.E. incluído. A súa adxudicación permitirá dispoñer nas instalacións do persoal preciso para a prestación dos servizos nas novas instalacións, segundo informa o Concello da Coruña.
Haberá actividades como aquapilates, ioga, body balance ou zumba
O contrato especifica unha serie de actividades das que serán responsables as persoas adestradoras e monitoras, na liña da actual ofertas das instalacións deportivas municipais. Trátase de cursos de actividades acuáticas para bebés, nenos e adultos, aquagym, aquapilates, ximnasia de mantenemento, pilates, ioga, hipopresivos, GAP (glúteos, abdominais e pernas), body pump, body balance, body combat, zumba, streching e TBC (Total Body Conditioning).
Por outra banda, o contrato destinado ao subministro de material deportivo ten un orzamento total de 209.550 euros e unha duración de tres anos. A empresa adxudicataria comprometerase á entrega, instalación e posta en marcha de todo o equipamento necesario. Tamén será responsable de impartir unha formación ao persoal do Centro Deportivo do Castrillón e do mantemento integral da maquinaria subministrada.
O contrato especifica o tipo de material necesario para as diferentes estancias das instalacións, como a sala de fitness, a piscina, o pavillón ou as aulas de actividades dirixidas. Haberá unha ampla variedade de máquinas e ferramentas necesarias para diferentes niveis de intensidade do adestramento.
O Centro Deportivo do Castrillón, unha infraestrutura deportiva demandada no barrio
Coa apertura do Centro Deportivo do Castrillón desbloquease o uso dunhas instalacións moi demandadas polos habitantes do barrio desde hai anos. Durante este mandato, o Concello da Coruña investiu case 2 millóns de euros para completar os traballos previos e que este espazo de 3.445 metros cadrados puidese comezar a usarse. “Faremos este ano que sexa unha realidade unha infraestrutura pola que os veciños levan moito tempo agardando”, indicou a alcaldesa Inés Rey
En canto ás características do centro, na primeira planta atópanse os controis de acceso e unha zona de agarda. Hai catro vestiarios, dous por xénero e outros dous para equipos que compitan puntualmente nas instalacións. Nesta parte sitúase, ademais, a pista polideportiva, cunha bancada para 100 espectadoras e espectadores.
Trátase dunha estrutura divisible en dúas partes mediante cortinas para poder levar a cabo varias actividades de forma simultánea. Atópase tamén, neste primeiro andar, a piscina de catro estaxes e a zona termal, con saunas, diferentes tipos de duchas, hidromasaxe e espazo para dous postos de masaxe. Completa esta primeira planta unha sala de actividades dirixidas, divisible en dúas partes mediante paneis móbiles.
No segundo andar é onde está localizada a sala de fitness, que contará cunha zona cardiovascular e de musculación. Tamén haberá outra sala de actividades dirixidas, divisible en tres partes. O resto de estancias do Centro Deportivo do Castrillón forman parte dos espazos reservados para o persoal e o mantemento.