- A xogadora galega procede do Motive.co Gijón, onde militou catro tempadas, pero Cecilia Cacheda é canteirá do Porriño.
- A súa capacidade para marcar diferenzas en ataque é un valor seguro.
- Cecilia Cacheda: “É moi ilusionante volver formar parte do balonmán galego”
O Mecalia Atlético Guardés 2023/24 xa ten acento galego. Cecilia Cacheda regresa á súa terra para embarcarse no proxecto miñoto do próximo curso. Unha incorporación de moito nivel para a primeira liña, que reforza a idea de xogo de Cristina Cabeza baseada na vertixe e a velocidade. E máis aínda se se ten en conta que a central lalinense procede do Motive.co Gijón, no que compartiu tres tempadas coa adestradora madrileña. Unha máis, catro, pasou a xogadora do Deza na cidade asturiana.
Formada no Balonmano Porriño, Cecilia Cacheda é unha xogadora diferencial na parcela ofensiva. Ten unha facilidade innata para fintar, penetrar e anotar. Todo iso sen deixar de lado a dirección e o xogo con pivote. En definitiva, unha fichaxe de quilates para o Guardés, listo para render desde o primeiro momento ao ser coñecedora do modelo da súa adestradora.
Cecilia Cacheda: “O Guardés está feito para loitar por todo”
A nova xogadora do Mecalia Atlético Guardés non dubida en afirmar que a súa fichaxe suponlle “un reto” na súa carreira. “Despois da tempada impresionante que fixo o equipo nas tres competicións, cunha nota excelente, o ano que vén vai ter a máxima esixencia e a min todo o que me supoña dar o 200% paréceme algo moi bonito de afrontar”, destaca Cacheda, que sente “con moitas ganas de devolver o agarimo” á afección guardesa. “É algo moi ilusionante”, expresa.
“Volver a Galicia e estar preto de casa e dos meus sempre é un pracer. Despois duns anos fóra, creo que me vai a vir moi ben a nivel persoal. Faime moita ilusión volver formar parte do balonmán galego”, engade a lalinense, de volta á súa terra tras un periplo de catro anos en Xixón, onde fichou tras formarse e debutar na elite en Porriño.
A central do Deza espera “unha esixencia máxima” o próximo curso. “Este equipo está feito para loitar por todo. Desde que o Guardés está na máxima categoría, todos os equipos saben que para gañar na Sangriña hai que suar moito. E iso é o que espero. Imos loitar ata o final por todas as competicións, tentar dar un nivel alto e que sexa moi difícil poder rascar algo, sobre todo en casa”, expresa a lalinense.
Cecilia Cacheda está desexosa de xogar coa afección da Sangriña a favor. “Tívena moitas veces en contra e se o complicado que é xogar aí para o visitante. É unha afección impresionante, que calquera querería ter do seu lado. Vai ser algo totalmente novo e á vez un orgullo e unha motivación extra”, conclúe.