A concelleira de Benestar Social, Igualdade e Participación, Nereida Canosa, interveu na presentación institucional da Carreira ENKI 2025, celebrada no paseo do Parrote, acompañada polo concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez.
Canosa salientou que ENKI “non é só deporte; é cidade”, polo seu impacto social e pola capacidade de facer da inclusión unha práctica real no espazo público. No acto tamén estivo presente a deputada provincial e concelleira de Medio Ambiente, Yoya Neira.
O Concello da Coruña apoia a proba a través do convenio nominativo da Concellaría de Deportes e agradece o traballo da Fundación ENKI, das entidades sociais, do voluntariado e das empresas colaboradoras.
No acto presentouse tamén ao futuro Espazo ENKI na contorna do Parrote, orientado a favorecer a práctica inclusiva e o préstamo de material adaptado.
O 18 de outubro terá lugar a ENKI 2025
A Carreira ENKI 2025 celebrarase o domingo 18 de outubro e desde a organización esperan igualar o récord de 15.000 persoas participantes.
Para incentivar a participación, os concelleiros animaron a formar equipos de familias, centros educativos, clubs e empresas e a encher as rúas da cidade o día da proba. Lembrouse que se trata dunha cita aberta e accesible, cun marcado carácter lúdico e comunitario, e que toda a información práctica e os prazos de inscrición estarán dispoñibles nas canles oficiais da organización.
Baixo o lema “Se o teu soño é un mundo máis inclusivo, ponte en movemento”, o Concello da Coruña animou á cidadanía a participar na proba.





















