- Aínda que a competición é, posiblemente, o menos importante nesta cita solidaria, a Carreira da Muller da Coruña tivo unha vencedora que foi Jénnifer Vega Domínguez.
- A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, acompañada pola concelleira de Benestar Social e Participación, Yoya Neira, fixo entrega dos premios na categoría absoluta da proba, e subliñou o “firme apoio” do Goberno municipal para que a cidade siga acollendo, nos vindeiros anos, as futuras edicións da proba.
Máis de 5.000 mulleres participaron este domingo na Carreira da Muller, un evento que conta coa colaboración do Concello e que esgotou, nesta edición, todos os dorsais dispoñibles nesta proba multitudinaria, con seis quilómetros de percorrido desde a saída ata a meta, ambas as dúas situadas na avenida de Bos Aires, na contorna do Palacio dos Deportes de Riazor.
Nos intres previos ao inicio da proba, que comezou ás 10.00 horas, tivo lugar unha homenaxe en recoñecemento ás traxectorias profesionais de Rosa María García Rodríguez, adestradora de patinaxe no Club Maxia, e Eugenia Gil Soriano , árbitra e atleta.
A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, puxo en valor “o compromiso da cidadanía” coa Carreira da Muller, salientou o éxito de participación e tamén o propósito desta iniciativa, na que cada muller inscrita na carreira física portou o dorsal 016, en referencia ao teléfono de atención ás vítimas de violencia machista.
Xa á conclusión da carreira, a rexedora, acompañada pola concelleira de Igualdade, Benestar Social e Participación, Yoya Neira, fixo entrega dos premios ás cinco primeiras clasificadas e gañadoras da proba.
Esas cinco primeiras corredoras foron: Jénnifer Vega Domínguez, que acadou o primeiro posto cun tempo final de 25:34 minutos; Nerea Sánchez Rocha, segunda na clasificación e que deixou o cronómetro en 26:03 minutos; e Penélope Martínez, Noelia Papín e Ángela Torrente, que foron a terceira, cuarta e quinta clasificadas, respectivamente. Inés Rey aplaudiu “o esforzo e coraxe” de todas as mulleres que participaron na carreira, e reafirmou o apoio do Goberno municipal para que A Coruña siga acollendo, nos vindeiros anos, as futuras edicións desta proba.
As actividades deportivas programadas co gallo da Carreira da Muller, continuaron ao remate da proba, cun festival de aeróbic e zumba, realizado tamén en Riazor.
Os obxectivos solidarios da Carreira da Muller
A Carreira da Muller habilitouse tamén para que as persoas que non conseguiron dorsal puidesen completar de xeito virtual o percorrido, colaborando así cun dorsal solidario a favor de ACADAR (Asociación de Mulleres con Discapacidade de Galicia).
Os obxectivos desta proba son incorporar ás mulleres de todas as idades á práctica habitual do deporte, loitar contra o cancro e concienciar sobre a súa prevención, promover hábitos de vida saudables e combater a violencia de xénero e as desigualdades entre homes e mulleres. A organización realizará unha doazón ao final do circuíto de 75.000 euros á Asociación Española Contra el Cáncer, aumentando a cifra achegada no 2021. Continuarase tamén apoiando a tres fundacións centradas na protección da muller: “Wanawake Mujer”, “Fundación GEICAM” e “Clara Campoamor”.