- A Carreira da Muller regresou á cidade da Coruña tras o obrigado parón do 2020 pola pandemia. Fíxoo con todos os dorsais esgotados desde hai semanas e un gran ambiente que foi a un tempo festivo e reivindicativo.
- O número 016, que corresponde ao teléfono para atención e asesoramento sobre violencia de xénero, figuraba en todos os dorsais das corredoras.
Unhas 2.500 mulleres formaron a ‘marea rosa’ que percorreu o Paseo Marítimo da Coruña nesta proba benéfica contra a violencia de xénero e que apoia a investigación contra o cancro de mama. A proba reuniu a ducias de atletas de primeiro nivel nacional e internacional que acompañaron ao resto das corredoras durante todo o percorrido. O 016, teléfono, o do servizo de atención e asesoramento sobre violencia de xénero, figuraba en todos os dorsais
A carreira da muller partiu ás dez da mañá do Parrote e percorreu un treito do Paseo Marítimo ata a glorieta de entrada a Durmideiras. Alí as corredoras deron a volta e regresaron cara a meta, situada na Mariña. Foi un percorrido curto, de 5,5 quilómetros, que se puido facer tamén na modalidade de andaina.
Triunfos de Zelinda Spencer e Inés Papín na Carreira da Muller da Coruña
A gañadora da proba foi Zelinda Spencer (Categoría Veterana A) cun tempo de 19 minutos e 17 segundos. Seguiuna Inés Papín (Categoría Veterana B) cun tempo de 20 minutos e 8 segundos. Completou o podio Uxía García (Categoría Senior), que parou o cronómetro en 20 minutos e 16 segundos. Na cuarta praza rematou Ángela Torrente (20:24) e na quinta Agueda Ramírez (20.34).
Houbo un gran ambiente mais alá da competición, que lembrou ao das sete probas da Carreira da Muller celebradas ata esta oitava edición na Coruña.
📸 Mais fotos da #marearosa na @CarreraMujer que se vén de celebrar na #Coruña‼️ pic.twitter.com/Q0FJwcbifV
— A Coruña Deportes (@coruna_deportes) October 17, 2021
A Carreira da Muller da Coruña forma parte do Circuito Nacional de la Carrera de la Mujer Central Lechera Asturiana 2021. Trátase da terceira proba da actual edición, que percorrerá tamén as cidades de Valencia, Vitoria, Madrid, Zaragoza, Barcelona, Sevilla e Xixón.
As 2.500 participantes dividíronse en cinco quendas de 500 mulleres cada unha para cumprir coa normativa COVID. Entre as corredoras atopábase a concelleira de concelleira de Deportes da cidade, Mónica Martínez, que quixo sumarse a esta boa causa desde dentro. A edil foi tamén unha das encargadas de entregar os trofeos e as medallas ás gañadoras. Na proba tamén estiveron presentes as olímpicas galegas Tere Portela e Belén Toimil.
A carreira popular con máis participación desde a aparición da COVID
A de hoxe foi a carreira popular con máis participantes desde a chegada da pandemia. A Coruña xa celebrou o pasado 3 de outubro a C10 con 1.400 corredores e un novidoso percorrido polos peiraos da cidade. O goberno local coruñés, que encabeza a alcaldesa Inés Rey, confirmou entón a súa intención de que este tipo de probas deportivas populares regresen á normalidade no próximo 2022 tras a pandemia coa celebración da media maratón e a maratón, ademais do resto de probas C10.
Este domingo, a #marearosa invadiu a #Coruña coa @CarreraMujer, na que estiveron 2.500 corredoras‼️
🥇Zelinda Spencer, mellor tempo na meta despois dos 5K (19:17)
🟥 A concelleira de Deportes, Mónica Martínez, saudou ás participantes antes da proba, correu e estivo na premiación pic.twitter.com/BlQB5rDLyB— A Coruña Deportes (@coruna_deportes) October 17, 2021