O HC Deportivo Liceo regresaba á OK Liga, facío na casa, xogando como local no Pazo dos Deportes de Riazor da Coruña. O rival, Bigues i Riells, empezou poñéndose por diante, pero as verdibrancas (esta vez de negro e branco), dérolle a contestación. Remontaron e deixaron o marcador ao final desta primeira xornada da Liga 2021-22 cun 5-1 ao seu favor. Ao final do partido falamos co adestrador do conxunto coruñés de hoquei a patíns, Carlos Loureiro.
A.N.: Era moi importante comezar gañando por moitos motivos, non si?
CARLOS LOUREIRO: Sobre todo para quitar a ansiedade do primeiro encontro. Custou na primeira parte. Insistimos moito nos tempos mortos e tamén no descanso. Era importante estar metidas no partido. Se estabamos aí metidas, na segunda parte sabíamos que íamos dar un empurrón para arriba e así foi. Saíu ben.
Carlos Loureiro, adestrador do primeiro equipo feminino do Hockey Club Deportivo Liceo: “As rapazas demostraron que poden competir de ti a ti con calquera rival”
A.N.: Houbo dúas metades e elas á contra fixeron traballar a Viki Caretta
CARLOS LOUREIRO: Si. Onte comentamos precisamente que elas crean moitísimo perigo nas transicións. Que tiñamos que frealas como fose. Tivemos bastantes desaxustes na primeira metade e elas tiveron ocasións para poñerse por diante. Pero chegamos con vida ao descanso, que era o importante, e na segunda metade xa corriximos os erros e moito mellor.
Ver esta publicación en Instagram
A.N.: Primeira proba con fogo real, xa non estamos en pretempada, cales son as túas sensasacións sobre as posibilidades deste grupo?
CARLOS LOUREIRO: Sigo pensando que hai equipo para meterse nos seis primeros da competición. As rapazas demostraron que poden competir de ti a ti con calquera rival.
Este foi o primeiro de moitos cruces que agardan as liceístas neste curso deportivo 2021-22. O conxunto que adestra Carlos Loureiro ten un próximo reto competitivo o sábado 13 ás 18:00 horas, momento no que está previsto que visite a complicada pista do Martinelia CP Manlleu, un dos cocos da categoría. Puntuar nesa pista sería un auténtico empuxe de moral para as galegas, que confirmarían que, efectivamente, están en condicións de facerlle fronte deportivamente a calquera rival nesta OK Liga feminina.