O plantel do Durán Maquinaria Ensino anda corto de efectivos. Así o admite o seu adestrador, Carlos Cantero, que recalca a importancia de que ao equipo cheguen novas incorporacións, “en plural”, sinala. As lucenses preparan xa o seguinte encontro da Liga Femenina Endesa, que será o xoves 19, ás 20:00 horas contra o Cadi La Seu.
Aínda que mirando aos datos da táboa clasificatoria podería parecer que ambos conxuntos chegan moi parexos ao partido (ambos con catro vitorias e seis derrotas), para Cantero o rival está “varios chanzos por riba a nivel de equipo e plantel”. O técnico explica que o Cadi La Seu é un equipo moi esixente, que “obriga a estar xogando os corenta minutos a alto nivel. Teñen un ritmo de xogo bastante alto e exteriores de moita altura”.
As de Cantero loitarán pola vitoria malia as dificultades
Porén, isto non desanima ás xogadoras do Ensino, que traballan centradas en ir a pola vitoria “ante todo”, aproveitando a baixa efectividade das próximas rivais na liña de tres puntos. “Todo vai centrado a sacar o partido e gañar co que hai e ir a por elo. Sen ningunha dúbida”, declara contundentemente o adestrador.
Con todo, o parón da semana pasada polos compromisos internacionais non foi o mellor para o Ensino. “Serviu para recuperar a algunhas xogadoras e para estropear a outras”, recorda Cantero. Por parte das lucenses, Natalie Van Den Adel xogou cos Países Baixos, cun “bo rendemento” no encontro disputado contra Hungría.
No caso de Stanacev, xogadora de Serbia, a base ven contenta dos partidos “por ter formado parte dun conxunto sempre potente, aínda que non tivo os minutos que a todos nos gustaría que tivera”, explicou Cantero.
No relativo ás españolas, Vega e Bea participaron no 3×3, que acabou provocando algunhas molestias no xemelgo da andaluza.
A lesión para o que resta de tempada de Villegas e as poucas rotacións que pode facer o adestrador coas outras oito xogadoras complica a preparación no Ensino. “Algunhas xogadoras chegaron lesionadas dos seus compromisos internacionales. Sen remplazos en tema de fichaxes e adestrando como mellor se pode, intentaremos sacar o mellor rendemento das xogadoras que están e con elas iremos a polos partidos que veñen”, resume Cantero.