A praia do Orzán da Coruña converterase esta fin de semana no gran escenario do salvamento e socorrismo deportivo galego coa celebración dos campionatos galegos de praia nas categorías infantil, cadete, xuvenil, júnior e absoluta, ademais do II Aberto de Praia na categoría absoluta. Tres días nos que o areal herculino congregará as e os mellores deportista galegos desta disciplina.
Esta cita deportiva está organizada pola Federación de Salvamento e Socorrismo de Galicia (FESSGA) coa colaboración do Concello da Coruña, a Deputación da Coruña e a Xunta de Galicia, reunirá máis de 300 deportistas en competición, representantes de 14 clubs, ademais de persoal técnico, organización e acompañantes.

O programa inclúe o XXIX Campionato Galego Absoluto, o XXVIII Campionato Galego Xuvenil e Júnior, así como os campionatos galegos infantil e cadete, cuxa celebración foi trasladada a esta fin de semana tras a suspensión das súas datas iniciais pola vaga de calor.
Deste xeito, A Coruña concentrará durante tres días todas as grandes competicións galegas de praia desta disciplina, que estarán organizadas pola Federación de Salvamento e Socorrismo de Galicia (FESSGA)
Ao longo da fin de semana disputaranse probas de area e de auga na praia do Orzán. Serán probas nas que os e as deportistas participantes deberán demostrar a súa velocidade, resistencia, preparación física, destreza técnica e dominio do medio acuático.
Entre as disciplinas programadas figuran as carreiras sobre area, a natación, o rescate con táboa e os relevos, entre outras especialidades propias do salvamento e socorrismo deportivo.
II Aberto de Praia de Salvamento e Socorrismo
O II Aberto de Praia celebrarase por segundo ano consecutivo e permitirá a participación de deportistas e clubs procedentes doutras comunidades autónomas, o que elevará o nivel competitivo da cita e converterá o Orzán nun punto de encontro para algúns dos mellores especialistas do panorama nacional.
Ademais, todas as probas poderán seguirse en directo a través da canle de YouTube da Federación de Salvamento e Socorrismo de Galicia.

O Concello da Coruña continúa impulsando un calendario deportivo estable que atrae cada ano competicións de ámbito galego, estatal e internacional. “Queremos que A Coruña siga sendo unha referencia na organización de grandes eventos deportivos e continuar colaborando coas federacións para traer á cidade competicións de primeiro nivel”, sinalou o concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez. O edil destacou tamén o retorno que este tipo de eventos teñen para a actividade económica local e para a proxección da cidade como destino deportivo.

A celebración destas competicións reforza a programación deportiva que impulsa o Concello da Coruña ao longo de todo o ano, favorecendo a chegada de eventos de diferentes disciplinas que contribúen a dinamizar a cidade, fomentar a práctica deportiva e atraer visitantes.
Segundo aseguran desde o Concello herculino “esta liña de traballo permitiu consolidar un calendario de probas de ámbito galego, estatal e internacional que reforza a posición da Coruña como referente na organización de eventos deportivos de calidade”.
O Concello da Coruña colaborará coa organización dos Campionatos Galegos de Salvamento e Socorrismo de Praia facilitando os medios necesarios para garantir o correcto desenvolvemento da competición e compatibilizar as probas co uso habitual do areal.
O acceso para o público será libre e gratuíto durante toda a fin de semana, convertendo a praia do Orzán da Coruña nun punto de encontro para deportistas, clubs e afeccionados á disciplina do salvamento e socorrismo.





















