- O domingo 17 disputarase na contorna da Torre de Hércules o Campionato Galego de Marcha Nórdica, nas modalidades individual e por equipos e o IV Trofeo Cidade da Coruña de Marcha Nórdica, na modalidade ‘open’.
O Concello da Coruña organiza, xunto á Federación Galega de Montañismo e o Club Marcha Nórdica A Coruña, esta competición na que participarán 200 atletas. Tamén colaborarán na proba a Agrupación Montañeros Independientes, Sociedade de Montaña Ártabros e Club de Montaña Coruña.
A competición, tanto nas probas autonómicas como no Trofeo Cidade da Coruña, comezará ás 10.00 horas do domingo. Os percorridos previstos realizaranse polos camiños de terra do Parque Escultórico da Torre de Hércules.
É un itinerario practicamente chan que non presenta dificultades técnicas para as persoas participantes. Do mesmo xeito que nos anos anteriores, destaca o primeiro quilómetro de asfalto con subida e baixada ata a Torre de Hércules, no que será obrigatorio o uso de tacos.
Este primeiro quilómetro é o único tramo no que atopamos unha pendente relevante de 300 metros de lonxitude. A partir de aquí, continúase por un camiño de terra compacto practicamente chairo. Adoita ser unha zona ventosa ao estar tan preto do mar.
O percorrido dos campionatos autonómicos consta dunha primeira volta de 3,760 quilómetros, seguida de catro voltas de 2,720 quilómetros cada unha, máis o tramo final, que suman un total de 14,850 quilómetros, cun desnivel positivo de 134 metros.
O circuíto previsto para o IV Trofeo Cidade da Coruña de Marcha Nórdica consta dunha primeira volta de 3,760 quilómetros, seguida de dúas voltas de 2,720 quilómetros cada unha, máis o tramo final, que suman un total de 9,200 quilómetros, cun desnivel positivo de 67 metros.
Por último, o circuíto previsto para o Trofeo Cidade da Coruña, nas categorías Infantil e Cadete, consta dunha primeira volta de 3,760 quilómetros, seguida de unha volta de 2,720 quilómetros cada unha, máis o tramo final, que suman un total de 6,480 km, cun desnivel positivo de 48 metros.
O Concello da Coruña salienta a súa “aposta pola realización na cidade de todo tipo de competicións deportivas co obxectivo de fomentar e difundir a práctica do deporte ao longo do ano. Para iso, a colaboración con entidades e clubs da cidade é constante na organización de moi diversas probas e competicións na Coruña”.