A localidade coruñesa de Ares acolle esta fin de semana a gran cita do ano na modalidade de Enduro. As novas e os novos campións de España da disciplina decidiranse na Montefaro Enduro Race, proba xa clásica organizada polo Club Pulpeiros na que se darán cita 300 riders.
Os mellores expoñentes estatais do Enduro reuniranse durante esta fin de semana para desfrutar do percorrido e da paisaxe de Montefaro mentres tratan de marcar os mellores tempos nos 5 tramos de ligazón cos seus 5 treitos cronometrados dispostos pola organización.
A competición da Montefaro Enduro Race ofrece un percorrido de 36 km e 1.176 m de desnivel acumulado polos carreiros de Montefaro, entre Ares e Mugardos; un trazado técnico, rápido e completo nunha contorna única como a ría de Ferrol.
A asturiana Cristina Menéndez e o naronés Marco Veiga, campións o ano pasado en Sant Hilari Sacalm, tratarán de defender as súas coroas ante unha gran nómina de candidatos. En categoría masculina non faltarán tampouco á cita outros salientables expoñentes como Borja Pérez, terceiro o ano pasado, o líder da Copa de España Juan Gabriel Torralba ou o terceiro clasificado do circuíto estatal Bruno Jiménez.
Natalia Menéndez, segunda en 2025; a arteixá Alba Arias, terceira na pasada edición; Sara Yusto, Kira Zamora, Haizea Prieto, Mar Soler ou Irene Gómez pelexarán tamén por subir ao podio entre outras.
Horarios da Montefaro Enduro Race
Estos son os horarios para a Montefaro Enduro Race:
- Venres 22:
O circuíto abrirase ás 10.00 horas. Recoméndase durante esta xornada o recoñecemento a pé porque non se dispoñerá de servizos asistenciais.
Recollida de dorsais, chips e cartón de control e comprobación de licenzas dixitais na Oficina Permanente desde as 16:00 ata as 20:00 horas. (En caso de forza maior poderanse recoller o sábado de 8:00 a 9:00 horas), segundo informa a Federación Ciclismo Galego.
- Sábado 23:
Os adestramentos oficiais serán de 9:00 a 13:30 sendo obrigatorios 3 dos 5 tramos.
- Domingo 24:
Saída do primeiro corredor a partir das 8:15 dependendo do número de participantes, será confirmada coa suficiente antelación.





















